Pulseiras que salvan vidas: confianza malia os fallos

SANDRA MARÍA PIÑEIRO VILAS PRESIDENTA DA AUDIENCIA DE LUGO

OPINIÓN

Junta de Andalucía | EUROPAPRESS

30 sep 2025 . Actualizado a las 09:31 h.

Hai símbolos que falan máis alá do metal e da tecnoloxía que os compoñen. A pulseira telemática, posta no pulso ou no nocello dun presunto maltratador ou dun condenado por violencia de xénero, é un deses símbolos: non é só un dispositivo, senón unha fronteira invisible que protexe, un muro silencioso que se ergue entre a violencia e a vida.

Dende o 2009, cando Madrid abriu o camiño e o Goberno de José Luis Rodríguez Zapatero fixo extensivo o sistema a todo o país, máis de 21.000 mulleres estiveron protexidas grazas a estas pulseiras. Ningunha delas foi asasinada mentres a levaba. Ese dato, tan contundente como esperanzador, é o que debe guiar a nosa mirada: detrás de cada número hai unha vida a salvo, un futuro preservado, unha liberdade recuperada.

Vivimos nun país onde a violencia machista segue a ser unha chaga insoportable. Máis de 1.300 mulleres foron asasinadas desde o 2004, 27 delas só neste 2025. É por iso que precisamos ferramentas sólidas, que combinen a firmeza da Xustiza coa rapidez da policía, coa vixilancia constante e coa coordinación de Cometa, ese vixía invisible que latexa día e noite para reaccionar en cuestión de minutos se unha alerta salta.

Si, a tecnoloxía pode fallar: unha perda de sinal, unha batería que se esgota, un mapa que se conxela. Mais a clave está no protocolo: en menos de dez minutos actívase o aviso, mobilízanse xulgados e policía, e a vítima recibe unha chamada que lle lembra que non está soa. Mesmo nas falsas alarmas, a resposta é real. Porque é mellor previr unha vez de máis ca unha vez de menos.

É certo que houbo incidencias, sobre todo co traspaso de datos entre empresas que xestionan o servizo. Ese baleiro técnico afectou á proba en determinados procesos xudiciais sobre presunto delito de quebrantamento de condena ou de medida cautelar. En ningún caso afectou á acreditación de malos tratos ou de violencia habitual. E sobre todo non quedou comprometida a seguridade das mulleres. As pulseiras seguiron facendo o seu traballo: emitindo alertas, garantindo distancia, impedindo que a sombra do agresor volvese caer sobre elas.

A Unidade de Violencia sobre a Muller da Fiscalía foi clara: as vítimas estiveron protexidas en todo momento e os dispositivos funcionaron. Os erros foron puntuais, solucionáronse antes de rematar o 2024, incluso reabríndose os asuntos sobresidos unha vez recuperados os datos en relación con presuntos incumprimentos das ordes xudiciais. En ningún caso afectou ao delito de violencia que motivou a instalación do dispositivo. E ningún dos crimes rexistrados se produciu con pulseira activada. O sistema é mellorable, si, mais é tamén fiable, seguro e, sobre todo, vital.

A pulseira telemática cumpre tres funcións que non se deben esquecer: protexe a vítima, disuade o agresor e garante que as chamadas ordes de afastamento se respecten. Mesmo pode beneficiar ao propio maltratador, pois evita o seu ingreso en prisión preventiva ao controlar o seu movemento.

É certo que debemos esixir máis investimento, máis tecnoloxía, máis seguridade. Mais tamén debemos recoñecer que estas pulseiras salvan vidas cada día, aínda que nunca poderemos saber o dato das vidas protexidas grazas ao dispositivo.

Queridas mulleres, se levades unha pulseira telemática como escudo invisible, sabede que non estades soas. A vosa seguridade segue a ser prioridade. Os fallos técnicos non significan abandono nin desprotección. Significan un reto mellor resolto, unha aprendizaxe que fortalece o sistema.

Porque, detrás de cada pulso que latexa, hai unha sociedade que di alto e claro: “A vosa vida importa. E protexela é un deber irrenunciable”.