Velaquí dúas vidas separadas no tempo, pero unidas por unha mesma profesión: a enfermaría. A súa historia sitúase nun luscofusco simbólico, ese intre entre a luz e a sombra, onde cada decisión profesional pode traer esperanza ou desconcerto, vida ou risco. Ambas están vencelladas ao mundo das vacinas, mais a súa relación con elas non podería ser máis oposta.
Na luz está Isabel Zendal, nada en Ordes en 1773, recoñecida pola OMS como a primeira enfermeira en misión internacional. En 1803 participou na Real Expedición Filantrópica da Vacina, coidando dos nenos que, inoculados por etapas, permitiron conservar viva a vacina da varíola mentres cruzaban o océano rumbo ás colonias de América e Asia. A súa entrega foi fundamental para erradicar unha das enfermidades máis letais da historia.
Na penumbra, a enfermeira de Santurce (Vizcaya) foi acusada de non administrar as vacinas a centos de menores entre 2021 e 2022. Segundo a Fiscalía, actuou en contra dos protocolos sanitarios, simulando vacinacións. Máis de 400 nenos quedaron sen protección.
Esta dualidade entre Zendal e a profesional procesada —seguramente afectada dunha enfermidade mental—, amosa como a enfermaría é unha disciplina técnica e un acto de responsabilidade ética. Na bocanoite onde se cruzan a luz da vocación e a sombra da desidia, cada decisión pode inclinar a balanza cara á saúde ou a enfermidade. Cos meus respectos pola doenza mental que sen dúbida sofre a enfermeira de Santurce, a autosuficiencia intelectual pode ser unha ilusión perigosa. «Miras algunha vez no teu interior?», lle di un personaxe feminino a outro en A boa xente do campo de Flannery O’Connor. «Algunha vez miras no teu interior e ves o que non es? (…)» Malebranche tiña razón «Non somos a nosa propia luz»!