Moitos dos dirixentes madrileños gábanse de que a capital española é cosmopolita e aberta, algo que non lles discuto, pero o certo é que dos despachos municipais as máis das veces só nos chega a saudade moral doutros tempos. Un non deixa de se abraiar pola distancia que hai entre esta xente e a propia sociedade, non só madrileña. Como é posible que nesta altura do século XXI esteamos a falar dun tema tan sensible coma o do aborto con argumentos institucionais que serían mesmo ridículos para o século pasado. Que tipo de iluminación nos pode levar a protexer as mulleres con medidas que teñen a mesma credibilidade científica ca o horóscopo, a existencia dos unicornios ou o poder curandeiro da lixivia. Vexo cada vez máis descolocado a Feijoo, a quen lle aparecen incendios provocados polos outros e tamén polos seus. A mangueira da indefinición non lle vai abondar para apagar tanto lume. Esa vai ser unha lousa constante para quen quere gobernar todo un país e non logra poñer orde na propia casa. Tratar de lle roubar argumentos a Vox para apañar votos fuxidos pode levalo a abrazar o abismo. Non se pode defender un día unha cousa e ao seguinte a contraria. E iso de que informar non fai dano é falso cando se fai sen empatía, sen un acompañamento médico e coa exclusiva ciencia da ideoloxía. Porque non, en cuestións coma as do aborto non pode haber ambigüidades. Se te aliñas co discurso da ultradereita perderás o apoio de moitas mulleres que só se ven estigmatizadas e tratadas coma seres incapaces de tomar unha decisión tan persoal e, si, en moitos casos, dolorosa. Con estas medidas anacrónicas e moralizantes o único que se consegue é volver atrás, moi atrás, converter a información en culpa, o dogma en ciencia, a ideoloxía en instrumento disuasorio para que as mulleres non poidan exercer un dereito que moitísima xente, mesmo madrileña e votante aberta e cosmopolita da dereita, xa cría máis ca consolidado.