Eclipse solar do 2026

Jorge Mira Pérez
Jorge Mira O MIRADOR DA CIENCIA

OPINIÓN

DANIEL LÓPEZ / IAC | EUROPAPRESS

05 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

No que levamos de século XXI xa se produciron 15 eclipses totais de sol (e 18 anulares, cando a lúa está afastada dabondo como para que o seu disco non dea tapado o sol totalmente, creando así un anel de luz). Pero como no ceo os tamaños aparentes do sol e da lúa son moi parecidos, cando a lúa tapa totalmente o sol a sombra que se fai sobre a terra é moi pequena. Polo tanto é moi difícil que nos cadre unha eclipse de sol xusto onde vivimos. No que levamos de século XXI non houbo ningún na Europa continental. O primeiro europeo deste século terá lugar o 12 de agosto de 2026, visible nunha franxa duns 300 quilómetros de ancho do norte de España. En Galicia, a sombra pasará polo territorio que está por riba dunha liña diagonal que une Ponteceso con Viana do Bolo.

Será unha ocasión única nas nosas vidas: a última vez que se viu unha en Galicia foi en 1912, e a seguinte non volverá a ocorrer ata o ano 2180. Polo medio haberá unha anular en 2082.

O espectáculo durará dende uns escasos segundos nas zonas máis ao sur desa franxa diagonal ata case 2 minutos na zona da Mariña, pero a maxia do momento creará unha febre colectiva, que se irá amplificando nos medios de comunicación a medida que se vaia achegando o momento. A que tivo lugar nos EE.UU. o ano pasado foi vista directamente por uns 50 millóns de persoas. España será de longo o sitio óptimo para velo e, en pleno agosto, cabe pensar que terá lugar unha mobilización sen precedentes cara as zonas de sombra, tanto dos residentes como das persoas que virán doutras partes do mundo.