Odiar o inimigo

OPINIÓN

Alexander Drago | REUTERS

05 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Algúns políticos perden a fantasía en canto chegan ao poder, outros só perden a educación. Tal é o caso de Donald Trump, que se gaba por non usar filtros para esas súas arroutadas que traspasan as normas máis básicas da educación e a diplomacia. Resulta inquietante que alguén sexa tan ousado para recoñecer que odia os seus opoñentes e lles desexa o peor. Esa sinceridade abraiante e visceral non é algo improvisado porque no fondo contén unha estratexia que adoita ter grandes imitadores: a simplificación total de calquera complexidade política, algo moi binario e polarizador que presenta o opositor como alguén que, máis ca ter ideas distintas ás túas, só se pode considerar un inimigo. Ese odio deixa de ser un sentimento individual para mudar nunha forma de identidade colectiva porque as palabras mediáticas e combustibles provocan e, a un tempo, se fan visibles. Inserilas no debate político resulta sinxelo se arrastran esa brutalidade de escándalo. Axiña vemos a repercusión e como todo ese discurso do odio se sostén na prensa e sobre todo nas redes sociais, o maior amplificador nestes tempos. Polo tanto, normalizar o odio como algo semellante a unha categoría política é algo perigoso que, aos poucos, vai estragando os alicerces democráticos, onde unha das cuestións máis importantes é recoñecer a lexitimidade do adversario, aínda que estea nas antípodas do que pensamos nós. Negarlle calquera razón, borrar todos os matices, substituír a discrepancia polo odio o que realmente fai é rebentar calquera posibilidade de diálogo ou negociación. Exercer ese odio perpetuo ten que ser algo esgotador, mesmo para xente como Trump, Milei ou Abascal, por poñer só uns exemplos significativos. O máis terrible de todo é que detrás dese odio hai todo un programa político que o que quere é espertar as paixóns máis baixas e mobilizar os seus desprazando a razón e o que for preciso, porque quen odia nunca deixará de atopar inimigos, mesmo na súa casa.