O lema elixido este ano para celebrar o Día Mundial da Arquitectura alude de xeito expreso ó papel que desenvolven arquitectos e arquitectas na sociedade. Un modo de expresar a nosa actitude proactiva ante as necesidades do mundo no que vivimos. Coidar ás persoas, pero coidar tamén o territorio, o medio ambiente, o patrimonio. Reivindicamos un xeito de entender a nosa profesión de maneira que non só de resposta ás demandas dos clientes, senón que sexa sensible ás necesidades dos lugares nos que actúa.
En Galicia, a urxencia desa labor de coidado resulta, por desgraza, especialmente necesaria logo da recente vaga de lumes. A extensa superficie queimada durante os incendios non só reafirmaba a importancia de traballar na planificación previa e nunha visión integral do territorio, senón que requiría os servizos do noso colectivo para facilitar a inmediata recuperación das vivendas afectadas. O COAG creou un fondo de emerxencia e abriu unha lista de voluntarios para colaborar nesas accións urxentes, que comezaron coa colaboración co Concello de Vilamartín de Valdeorras, co fin de reconstruír a parroquia de San Vicente de Leira, asolada polas lapas.
Esa arquitectura que coida debe comezar desde a sensibilización de toda a sociedade, en especial da infancia, como vimos facendo a través do proxecto Terra dende hai 25 anos. Acadar unha arquitectura de calidade non só mellorará a vida das persoas que a habitan, senón que será responsable no emprego de recursos de proximidade, no consumo eficiente de enerxía e no respecto ao lugar no que se implanta. A arquitectura coida, tamén, o patrimonio como principio inherente á nosa propia actividade.
Seguimos loitando para mellorar a axilidade na tramitación dos procesos implicados no desenvolvemento da arquitectura, pero desde o comezo de cada proxecto existe un compromiso para mellorar os espazos nos que arquitectas e arquitectos intervimos. As decisións que tomamos non só afectan ós espazos nos que vivimos, os que habitamos e nos que pasamos a maior parte do noso tempo, senón que determinan os lugares nos que nos relacionamos, xa sexa en equipamentos ou en espazos públicos, lugares fundamentais para a interacción da sociedade. É por suposto, non deixamos de instar ás administracións a traballar para acadar solucións intelixentes e rápidas para facilitar o acceso á vivenda, un dereito fundamental que, se non se garante, lastra as aspiracións de toda a sociedade.
A nosa disciplina comeza co coidado das persoas na planificación urbana e territorial. As competencias para facelo están claras, pero aínda queda un longo camiño por percorrer que permita comprender a importancia de superar marcos administrativos, así como axilizar novos instrumentos de planificación de carácter estratéxico. Que garantan que as actuacións do presente non condicionarán o futuro de xeito negativo.
Nesta nova celebración do Día Mundial da Arquitectura lembramos, en esencia, o compromiso global dunha disciplina ca sociedade na que actúa, á que escoita, e á que quere axudar a deseñar novos camiños de futuro.