
Considero digno de eloxio que persoas de distintas nacionalidades se lancen ao mar para romper o bloqueo que Israel impuxo a Gaza e levarlle á poboación alimentos e aveños necesarios para sobrevivir. Acusóuselles de ser membros de familias adiñeiradas que se tomaban unhas vacacións solidarias. Os que o din non ofrecen solucións, só critican. Non lembran que no 2010 os barcos israelís, nun asalto a un barco da flotilla, mataron a dez dos navegantes a tiros. Os que saíron do porto de Barcelona o 3 de agosto deste ano sabíano, pero, con todo, lanzáronse a repetir o intento.
Esas persoas están agora retidas nun cárcere de Israel situado nun deserto, sen posibilidade de comunicarse co exterior. Hai varios españois que recibiron a visita do cónsul de España en Tel Aviv, que dixo que o Goberno está a se mover para liberalos canto antes. O que non dixo é o trato que reciben, que transcendeu porque algúns, que foron xa liberados, o contaron: homes e mulleres son obrigados a denudarse e revísanlles todos os orificios do seu corpo, «todos», para comprobar que non ocultan nada que poida prexudicar a Israel. Na práctica pode considerarse unha tortura, ademais dunha humillación sádica. Supoño que Ada Colau e Greta Thunberg libráronse dese trato pola súa influencia nos medios de comunicación. Israel só se atreve cos indefensos.
Novas flotillas seguen saíndo, a última de só once barcos con pasaxeiros de 25 países, sobre todo médicos e xornalistas. Polo menos, manterán viva a loita contra o xenocidio.
Estamos a vivir tempos desconcertantes. Donald Trump preséntase como un gran pacificador que espera recibir o premio Nobel. A paz de mans do individuo que propiciou o asalto ao Capitolio de Estados Unidos o 6 de xaneiro do 2021?
En palabras de Curros Enríquez, isto é o que dixo Deus ao mirar á Terra: «Se este é o mundo que eu fixen, que veña o demo e me leve». Pois así están as cousas.