
Non podo ver os partidos de fútbol co Paco Mariló. Unirase a lista que encabeza o Bernardo. O Berni é moi merengue e asegura que comigo non senta a ver un partido do Madrid nin tolo. Non sei por que. Eu adoito ser moderado. Só berro. Tamén me dirixo aos xogadores brancos como se estivesen no meu salón. O Bernardo non o consente. Así que só nos queda a selección para estar xuntos. O do Mariló é outro caso. Imos de vacacións, comidas, paseos, pero non podemos ver o fútbol. É un vacilón. O pasado domingo burlouse de min. O Meu Barça foi como a Armada Invencible, saíu de gallito e levou catro. Catro a un. Vergonza. Parecía que estaban de excursión. Mesmo fallou un penalti o que nunca falla: Lewandowski. O Mariló non deixou de dicir dende que o árbitro asubiou o inicio do encontro que iamos perder. Efectivamente, perdemos. Pero hai varias maneiras de perder. O meu equipo perdeu ominosamente: humillados. Os sevillistas corrían, os do Barcelona camiñaban, como se estivesen dando unha volta polas Ramblas. Moito riu o Mariló. Eu tiven que levantarme do asento e facerme unha tila. El, cocacola: «La chispa de la vida, Caneiriño», díxome rindo cando xa nos caeran dous. No tres un dixo con ironía: «Tranquilo que aínda remontades, estades xogando moi ben». O pasado domingo estaba feliz. O seu Athletic ergueuse de novo e ganou ao Mallorca. Foi o sábado. Ese mesmo día anuncioume que viría ver o Sevilla-Barça comigo. A mala hora. Deixoume esnaquizado co seu pitorreo. Quixen vingarme. El dedicouse toda a vida á electricidade. Pregunteille: «Paco, sabes en que se diferencia o Athletic dunha batería?». Miroume mentres abría a cancela. Rematei: «A batería ten un lado positivo».