As zonas inundables

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

AYTO ELCHE | EUROPAPRESS

14 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai uns días recibín no móbil un aviso de choivas fortes en todo o litoral alacantino. Advertiron de que podían producir zonas inundables e recomendaban permanecer na casa, salvo casos de extrema necesidade. Eu vivo nun piso sexto sobre o mar e considerei que o aviso non me concernía. Pero equivoqueime. Un par de días despois, paseaba cunha amiga á beira do mar e empezou a chover con forza. Corremos á entrada do noso edificio, pero chegamos empapadas. Pola mañá, un neno quedárase encerrado nun dos ascensores e a miña amiga, sen esperarme, lanzouse a subir as escaleiras. Eu preferín correr o risco do ascensor porque o meu xeonllo avariado non está para subir seis pisos. Ao saír do ascensor atopeime cun charco de auga considerable e ao tentar cruzalo escorreguei e non caín ao chan porque puiden agarrarme a unha especie de columna que está comezo de cada piso. Un veciño viume e correu con intención de auxiliarme, pero tamén escorregou e quedou tendido no chan aos meus pés. O meu veciño propuxo que avanzásemos a gatiñas ata chegar ás nosas casas. Pareceume unha boa idea, pero eu empecei a tremer con síntomas de estar a padecer unha hipotermia. Os tremores impedíronme acertar coa fechadura, foi o meu veciño quen o fixo mentres eu me precipitei , vestida, á ducha. E soltei a auga quente. Non me abrasei de milagre . Alguén puxera o quentador a máxima potencia e a auga sae a oitenta graos. Se reciben unha alerta de posibles inundacións , queden tranquilamente na casa, lendo, vendo a tele ou vendo chover detrás dos cristais. Non se arrepentirán. Hai máis zonas inundables do que pensan.