Moratoria do eucalipto: cinco anos máis para acertar, non para adiar

OPINIÓN

A decisión da Consellería de Medio Rural de prorrogar a moratoria do eucalipto por cinco anos máis abre un período que debe servir non para adiar, senón para acertar nas políticas forestais e resolver os problemas que durante os pasados cinco anos de moratoria quedaron abertos.
Desde Unións Agrarias consideramos que a prórroga é unha oportunidade para facer as cousas ben, sempre que se respecte o marco actual e non se crucen as liñas vermellas que mantemos co eucalipto: non debe ocupar terras agrarias, nin estenderse pola Rede Natura, nin substituír frondosas autóctonas, e debe respectar distancias de seguridade con vivendas e infraestruturas. A súa ordenación debe seguir criterios técnicos, non ideolóxicos.
A necesidade de revisar a moratoria viña marcada pola aparición da banda marrón, unha doenza fúnxica que está a devastar os piñeirais de Pinus radiata no interior de Lugo e A Coruña. Moitos propietarios atópanse sen opcións: non poden replantar radiata porque morre, nin eucalipto porque a moratoria o impedía. Por iso, desde Unións Agrarias defendimos a opción máis sensata: permitir, de forma excepcional e temporal, plantar eucalipto nunha parte das parcelas enfermas, reservando o resto para piñeiro do país —menos produtivo pero máis resistente— ou para frondosas. É unha medida de equilibrio que garante rendibilidade e evita o abandono.
Preocúpanos, con todo, a posibilidade de que se abre a porta a trasladar plantacións entre propietarios, o que crea de facto «dereitos de plantación», potencialmente suxeitos á especulación e concentración. Para articular esta vía anunciada, Unións Agrarias defenderá a creación dunha reserva galega de dereitos, xestionada con criterios públicos e sociais, priorizando o acceso aos dereitos a agricultores, gandeiros e comunidades de montes: os verdadeiros xestores do territorio.
Os próximos cinco anos deben servir tamén para reforzar o sector do piñeiro, que leva perdendo arredor de 10.000 hectáreas anuais. Galicia necesita avanzar na obtención de planta resistente, mellorar a calidade e o crecemento, e impulsar o valor engadido da madeira con innovación e certificación. Isto require coordinación coa Xunta, apoio dos fondos europeos e compromiso da industria.
En paralelo, cómpre normalizar o papel do eucalipto afastándoo de debates simplistas. É a especie máis produtiva e rendible do monte galego, con máis de 190 millóns de euros anuais en rendas para familias e comuneiros, e milleiros de empregos. O verdadeiro debate non é «eucalipto si ou non», senón onde e canto. Os grandes incendios deste verán demostraron que o problema non é a especie, senón o abandono rural.
Agora que a prórroga é un feito, Galicia ten diante unha oportunidade para ordenar, diversificar e planificar o seu monte con visión a longo prazo. Porque o que realmente ameaza o noso territorio non é o eucalipto, nin o piñeiro, nin as frondosas: é o abandono.