A eterna alegalidade de Castelao
OPINIÓN
O Xulgado de Primeira Instancia número 1 de Pontevedra entregou o expediente de declaración de herdeiros de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, que atoparan ao reordenar os andeis da oficina, ao Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra. A nova é feliz, malia que ese proceso, no que tras a morte dunha persoa que faleceu sen testar o maxistrado determinaba quen eran os seus herdeiros, pouco achegará ao que sabemos sobre un dos bos e xenerosos.
O que máis sorprende da nova é como chegamos ao feliz desenlace. Di a nota de prensa do Consello Xeral do Poder Xudicial: «O Xulgado, […] após achar o expediente en agosto, púxoo en coñecemento do Tribunal Superior de Xustiza (TSXG) e do Arquivo Histórico Provincial, que, tras analizar unha copia dixitalizada, acreditou a importancia do documento». A Sala de Goberno do TSXG acordou que o Xulgado de Pontevedra entregase o proceso nun acto solemne para o que o maxistrado ou o letrado da Administración de Xustiza (a nota non é clara niso) ditou un «acordo gobernativo acordando a transferencia do documento ao Arquivo Histórico».
Semella que a vida e a memoria toda de Rodríguez Castelao se ve afectada por irregularidades, alegalidades e mesmo ilegalidades: desterros, oposicións perdidas, ministro de gobernos no exilio… e agora isto. Recordarán que hai cousa de dez anos a Dirección Xeral de Xustiza da Xunta de Galicia anunciou aos catro ventos a constitución da Xunta de Expurgación da Documentación Xudicial de Galicia. A Administración autonómica é a única competente en materia de arquivos xudiciais, e esa xunta, integrada por arquiveiros, responsábeis autonómicos, maxistrados, fiscais e letrados, é a que decide se se eliminan ou conservan polo seu valor histórico os procesos xudiciais que só ocupan estantes.
U-la Xunta de Expurgación? U-la Dirección Xeral de Xustiza? O Xulgado de Pontevedra e a Sala de Goberno do TSXG obviaron tres normas estatais e autonómicas para conseguir un bo fin, sen dúbida, esquecendo que só a Dirección Xeral de Xustiza pode decidir sobre os expedientes xudiciais. Como o fin foi bo, xorde a pregunta filosófica que tan ben formulou o xurista Tomás Moro: «Paga a pena cortar todo o bosque espeso de dereito para dar co diaño?». Nun Estado de dereito, a resposta debería ser: «Non, nunca».