Hai 50 anos a internet era unha realidade moi restrinxida que se ideara nos Estados Unidos por razóns de guerra: como formar unha rede de comunicación entre ordenadores vitais para o funcionamento do país en caso de que a URSS atacase con foguetes portadores de oxivas nucleares. A idea era poder mandar paquetes de datos entre centros de cálculo por circuítos múltiples. Daquela barallábanse velocidades de kilobits/segundo. En España andabamos comunicando ordenadores con módems telefónicos de apenas 1,200 bits/segundo.
Hoxe aspiramos a ter na casa polo menos 300 megabits/segundo (ou sexa, 300 millóns de bits por segundo) e a comunicarnos con todo o mundo vía a rede das redes. Nos nosos días existimos como sociedades organizadas grazas ao intercambio de paquetes de datos a velocidades de billóns (europeos) de bits/sg. que transportan cabos de fibra óptica. De aí a importancia estratéxica da ciberseguranza: en milisegundos un sistema lóxico vital pode ser destruído por un atacante nos antípodas do Globo (ou ao outro lado da fronteira: velaí a guerra ruso-ucraína). Curiosamente, o Tsar Trump esquece os investimentos en ciberseguranza do Goberno español á hora das contas de OTAN. Seríalle un bo baño de humildade que o Rocket Man de Corea do Norte lle metese pola internet unha cibercambadela ao Pentágono.