Ver créditos

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

OPINIÓN

Lucy Nicholson | REUTERS

26 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O outro día, ao rematar de ver unha desas películas que deixan a unha matinando, Netflix decidiu que non tiña por que ver os créditos, e que debía ir directamente ao seguinte contido que a aplicación consideraba oportuno. Entón tentei premer na ventá esa que di «ver créditos», pero non fun capaz, e de súpeto apareceu o comezo dunha serie de terror, e aquelas reflexións que se me pasaron pola cabeza ao rematar a película que eu si seleccionara evaporáronse de golpe co cambio de dinámica (e co susto).

Unha das cousas que mais boto en falta do acto de ir ao cine é quedarme sentada mirando os créditos do final. Pois hai algo máxico neses minutos que pasan desde que remata unha historia que che fai pensar até que decides comezar outra tarefa (sexa saír do cine, ou levantarse do sofá). Son uns minutiños de nada, pero serven para varios propósitos: nomear aos que contribuíron á produción, e darnos tempo para saír do universo no que nos refuxiamos durante un par de horas... Neses minutos forxamos a nosa idea do que acabamos de ver, e para min son fundamentais, pois axúdanme a non esquecer o aprendido con cada película.

Mais iso que fai Netflix é o mesmo que facemos nós todos os días, cando entre reunión e reunión, ou esperando o autobús, decidimos coller o teléfono e deixarnos levar polo que o aparello considera oportuno para capturar a nosa atención nese momento. Deixamos de empaparnos co que nos rodea, para vivir nesoutro mundo que tira de nós sen ningún sentido e cara ningunha parte, e que non nos deixa tempo nin para pensar nin para crear as nosas propias ideas sobre o que acontece. Iso que fai Netflix non deixa de ser unha metáfora da vida moderna.