Paisaxe e política

Xerardo Estévez
Xerardo Estévez PAISAXES E PALABRAS

OPINIÓN

Denís E. F.

27 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Galicia é un país fermoso visto a distancia, pero cando nos aproximamos ás cidades, vilas e lugares xorde a decepción da desorde. Non se quixo analizar, e menos autopreguntarse, por que se produciron esas contrapaisaxes, iso que chamei feísmo, que aínda xera frustración e trouxo consigo o aniquilamento de dúas estéticas, a burguesa construtora de cidades e a popular que modelou o territorio. Pero non todo é negativo, hoxe constrúese mellor e a Xunta e algúns concellos, co apoio dos veciños, veñen emprendendo labores de rehabilitación a escala do hábitat rural.

Para min, un dos maiores danos é o mal manexo da topografía na implantación de polígonos industriais e residenciais, no trazado de infraestruturas, na alteración do perfil dos montes… Esas actuacións en si son necesarias, pero hai que facelas moi ben, porque mudar a xeografía é vulnerar a alma do noso país e ten difícil reparación.

A arquitectura da paisaxe, tan en boga, é froito da evolución do paisaxismo do século XIX, do deseño de grandes parques e da subsanación dos efectos da revolución industrial. En Galicia, ese movemento estivo vinculado a un romanticismo máis literario que enxalzaba a beleza do país, eludindo dalgún xeito a pobreza. Hoxe a arquitectura da paisaxe, preocupada polas consecuencias do cambio climático, mostra preferencia polos panoramas intocados, resaltando as propiedades do ecosistema. Pero a realidade vai por outro lado; as sucesivas modificación lexislativas e de planeamento, as avaliacións ambientais e a cascada de estudos sectoriais inconexos acaban chocando, porque no territorio real todo está imbricado.

Os arquitectos saíron das coordenadas do seu encargo e miran ao contorno, talvez máis con imaxes desde o estudo ca pisando a xeografía e falando cos habitantes. Cando aparece un conflito, adóitase aducir que é unha cuestión política na que non se debe entrar. Pero a paisaxe é, si, unha cuestión fundamentalmente política, esa boa política que busca unha razoabilidade en común entre formacións partidarias, administracións e actores socioeconómicos, concertando o que se pensa, o que se lexisla e o que se constrúe.

A arquitectura da paisaxe non pode ser un fulgor efémero, xa que, epítetos aparte, falamos da arte e da técnica de construír con razón e sentimento. Os profesionais teñen que xogar un papel primordial nese lento e difícil proceso administrativo, relacionando esta disciplina co planeamento dotado dunha nova filosofía tanto para conservar como para crecer.