Educar con límites

Celso Currás
celso currás A NOSA ESCOLA

OPINIÓN

ANGEL MANSO

29 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

En educación, como en tantas outras cousas, temos pasado dun extremo a outro. De poñer límites esaxerados e inxustos, mudouse a unha permisividade absoluta. Por medo a perder o cariño dos fillos ou a causarlles traumas, e confundindo sempre autoridade con autoritarismo, déixaselles facer o que queren. Non hai normas de comportamento, nin na familia nin na sociedade e, xa que logo, o rapaz convértese nun pequeno ditador, que acaba por abusar de todo e de todos, na busca exclusiva da súa satisfacción persoal. A situación vai empeorando coa idade, e as consecuencias para a vida académica e a maduración persoal, son moi negativas.

Os límites son normas de conduta que, sempre que sexan razoables e claras, son imprescindibles na educación, para que o nenos saiban que decisións poden adoptar en cada momento e que resposta esperan dos educadores. Deben ser sinxelos, claros, congruentes, adaptados á idade e ao contexto, e algúns incluso poden ser consensuados cos fillos, cando a súa madurez o permite. De non ter estas características poderían provocar efectos negativos nos cativos, como desconfianza, inestabilidade emocional ou baixa autoestima. É moi importante tamén informar con precisión e tranquilidade sobre os límites establecidos, co fin de proporcionar aos pequenos seguridade e ensinarlles os dereitos e sentimentos propios e alleos. Deben aprender ademais que hai un momento para cada actividade cotiá: xogar, estudar, descansar, usar aparellos electrónicos, etcétera.

Hai pais que aseguran poñer límites, pero din que os fillos non os cómpren. Acontece que non se establecen con firmeza (o que non implica falta de cariño) e os rapaces acostúmanse a que un «non» significa «quizais» ou «ás veces», e como consecuencia, collida a medida aos pais, seguen a portarse mal, non obedecen ou discuten calquera norma que non lles gusta. A educación ten que empezar no berce, pois de non ser así, cando chegan á adolescencia, resulta imposible cambiar a súa conduta e os pais afirman que xa non son quen de facer bo deles. As consecuencias máis inmediatas son desaxustes no comportamento e falta de responsabilidade nas tarefas persoais ou académicas. De aí ao fracaso escolar, a diversas adiccións ou mesmo a problemas para a inserción laboral, só hai un paso. Por iso é tan importante, como moitas veces esquecido, poñer coto absoluto a condutas de risco, que teñen que ver coa saúde e a seguridade. Non se pode permitir, en ningún caso, o consumo de drogas, os comportamentos violentos ou a pertenza a grupos delituosos.