As raíces

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

CARLOS CORTÉS

30 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando outubro declina, os santos aparecen polos recantos do país, como unha beizón. É unha beizón da memoria. Do que fomos. Tamén da nosa brevidade: somos nada máis que unha gota de poalla no medio do universo, invisibles. Porén, lembramos. E lembrar é unha caricia, ou un belisco, que percorre parte da nosa pel. O ventre. Os dedos. Os dedos que interpretan ao piano as sonatas máis delicadas para este tempo de outono. Tempo de Nós. Da memoria, reitero. Lembramos o pelo branco da avoa e as súas mans engurradas, o seu recendo a lavanda, a paciencia coa que nos aprendeu o Pai noso que estás no ceo santificado sexa o teu nome. Agora semella que somos poucos os que rezamos. Creo que máis dos que parece. Os católicos están laminados por un poder que se autocalifica como laico. Non se felicitan as festas de Nadal, senón o solsticio de decembro. Mesmo, para despedir a unha persoa pronúnciase unha frase que a min paréceme tétrica: «Que a terra che sexa leve». Provén, probablemente, daquel Sibi tibi terra levis. Época dos romanos. Un epitafio que desexaba que a terra non pesase demasiado sobre o corpo do defunto. Ata nese asunto as palabras están impregnadas de conservadurismo. O que conservamos, creo eu, é o que en verdade nos define. Por iso importa lembrar. O Día de Todos os Santos. O Día dos Fieis Defuntos. Estamos construídos por bulbos: rizomas que nos devolven ás orixes. Edificados sobre raíces sólidas que as diferentes ideoloxías progresistas non conseguiron, aínda, derrubar. Digo a miúdo que somos o que soñamos. Pero somos tamén esa parte de memoria que, a pesar dos decesos, segue estando presente nas nosas vidas. Será así polos séculos dos séculos. Amén.