«Aqui onde me encontro, mesmo em tempo de Primavera, quando os dias costumam ser do tamanho das noites, a noite é sempre mais longa que o dia». Así comeza o diario do último ano de vida nunha residencia de anciáns de María Alberta Nunes Amado, protagonista da novela Misericórdia (editorial Dom Quixote), da portuguesa Lídia Jorge, que acaba de conquistar o Premio San Clemente, impulsado polo Instituto Rosalía de Castro de Santiago. Xunto con ela tamén son galardoados o andaluz David Uclés e a galega Ledicia Costas, mantendo así unha liña de recoñecemento do compromiso cos desafíos do noso tempo que xa dura vinte e nove anos.
Non é a primeira vez que unha figura das letras lusas recibe o San Clemente. De feito, este galardón posúe o mérito de terse outorgado ao Ensaio sobre a cegueira pouco tempo antes de que José Saramago recibise o Nobel. O acto de entrega do premio en Compostela —ese, si, despois do de Estocolmo— converteuse nunha verdadeira festa da máis importante condecoración literaria do mundo para a lingua portuguesa.
O San Clemente é un premio cheo de diálogos: entre diferentes centros de ensino, entre distintas xeracións e entre diversas tradicións literarias, tres cada ano. Por iso, cando acontece que unha desas tradicións é a lusófona, xorde a pregunta de como se debe materializar o diálogo. A obra foi lida e está a ser divulgada na tradución española (editorial La Umbría y la Solana), de maneira que foi a única que non concorreu na versión orixinal. Son capaz de entender o receo que provoca o portugués, pois, ao fin e ao cabo, é produto de corenta anos de costas viradas en nome da salvagarda da independencia do galego. Porén, en plena crise idiomática, non chegaría xa o momento de repensarmos a relación co noso propio diasistema lingüístico? Canto gañaría o galego se se superase o medo á lectura en portugués sen tradución, que se sempre é unha forma de traizón —como di o proverbio de orixe italiana que dá título a este artigo—, máis o é entre variedades que se deberían retroalimentar? Canto gañaría se esta práctica comezase a ser fomentada nas escolas?