Cannabis medicinal

Jorge Mira Pérez
Jorge Mira O MIRADOIRO DA CIENCIA

OPINIÓN

JUAN IGNACIO RONCORONI | EFE

02 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai uns días o Goberno de España aprobou por decreto o uso do cannabis para o tratamento de diferentes doenzas.

A partir deste momento será a Axencia Española do Medicamento a que regule os aspectos prácticos da medida. É o procedemento normal, baseado na evidencia científica publicada en revistas especializadas, que se irá acoutando ou estendendo en función de novos resultados.

Tamén se sinala que iso faise mentres non xurdan outros principios activos que sexan aplicables. Por suposto, os doentes non consumirán o cannabis fumando, o que engadiría riscos (análogos a algúns do tabaco) aos propios dos efectos secundarios do medicamento.

É este un bo momento para lembrar que isto non quere dicir que o cannabis sexa unha substancia beneficiosa para a nosa saúde a nivel xeral, nin por suposto que se poida consumir de modo recreativo. Non é unha substancia inocua. Se é un medicamento, debe ser receitado polos médicos correspondentes.

Tamén é un medicamento a quimioterapia, tamén son medicamentos os antibióticos, e por suposto non podemos tomar ningún deles como complemento vitamínico no almorzo.

Un dos principais compoñentes do cannabis é o THC, unha molécula que encaixa, como chave en pechadura, en dous receptores que regulan certos procesos do noso cerebro, o cal o converte nunha perigosa droga, con efectos claramente identificables en multitude de indicadores.

Malia isto, o cannabis mantén unha falsa imaxe de inocuidade, distinta da percepción social doutras drogas. Confiemos en que esta aplicación medicinal non alimente esa falsa imaxe.