Coleando

Pedro Puy
Pedro Puy DIARIO DUN CASE ESCÉPTICO

OPINIÓN

Eduardo Parra | EUROPAPRESS

02 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Dixo Pedro Sánchez: «Lo he intentado, no ha podido ser, lo dejo». Era o que matinaba mentres anunciaba a súa dimisión en outubro de 2016 como secretario xeral do PSOE e deputado. Nas súas memorias (Manual de Resistencia) afirma que foi precisamente naquel momento cando empezou «a cobrar conciencia de la capacidad de resistencia que yo podía llegar a tener». O Manual foi publicado en 2019, como é sabido coa axuda literaria de Irene Lozano, que transcribiu e ordenou as moitas horas de conversación que mantiveron (así o di o propio Sánchez no prólogo). O libro non tivo boa acollida. O académico Juan Luis Cebrián dedicoulle unha longa crítica en Babelia, comparándoo co tamén presentado naqueles días La España en la que creo, de Alfonso Guerra. Titulou a súa recensión cun Reflexiones socialistas y manual de narcisismo, e non resulta necesario aclarar quen pensaba Cebrián que era reflexivo e quen narcisista; nin que libro consideraba «interesante» e cal «un verdadero ladrillo». Unha percepción crítica que se mantén no tempo por algúns autores, e non precisamente de dereitas. O profesor Elorza, no prólogo do seu recente (outro título inequívoco) Pedro Sánchez o la pasión por sí mismo, explica que para coñecer a personalidade do presidente ten que empezar de cero, xa que as súas memorias son «poca cosa para iniciar un análisis, que no sea psicológico».

Porén, o libro do presidente permite elaborar a súa trazabilidade política. A dos seus cambios de opinión, como en relación ao procés catalán («creo que el Estado actuó de manera inteligente y así se lo reconocí a Mariano Rajoy», páxina 282). Ou das súas coherencias («en aquel momento había muy buen periodismo escrito —y muy libre— en los medios digitales (…) Por supuesto me refiero a medios digitales donde se hace periodismo de verdad, no bulos ni fake news ni periodismo basura», páxina 241). Mesmo coherencia no continuado uso do mesmo cualificativo relacionado cunha mesma persoa: «Koldo, un miembro de la candidatura, se quedó a dormir en la oficina para custodiarlos [os avais das primarias]. Como anécdota, valga contar que una vecina del edificio le ofreció su baño para que se duchara porque él no quería dejarlos sin vigilar ni un solo momento». Unha «anecdótica» memoria selectiva sobre una relación «anecdótica».

 Atribúese a Churchill o aserto de que «na guerra só poden matarche unha vez, pero en política moitas veces». Se en política podes morrer moitas veces, non digamos xa cantas poden darte por morto. Non todos parecen coñecer o churchillismo… a diferenza de Irene Lozano, actual directora da Casa Árabe, esa institución pública creada por Zapatero. Tras perder no 2015 as eleccións primarias de UPyD e deixar o escano no Congreso, escribiulle no 2016 unha carta pública a Sánchez cando este dimitiu do seu. «Oí decir, Pedro, que te habían matado... De cadáver a cadáver, me alegro que estés bien. Te diré que aquí no se vive mal». Semella que onde están agora viven, resisten e ata colean mellor.