Na app de RTVE pódese ver o interesante documental La conquista de la democracia, que, ideado por Nicolás Sartorius, parte dunha idea poderosa: Franco morreu na cama, pero o franquismo morreu na rúa. Capítulo a capítulo, debúllanse os movementos que, desde os cincuenta, mantiñan viva a conciencia democrática da cidadanía que a guerra non eliminara, así que se reprimían brutalmente. Un dos capítulos está adicado ás protestas contra os últimos fusilamentos do réxime, cando foi executado Humberto Baena, un mozo vigués comunista, acusado dun atentado do FRAP que non cometeu nin podería cometer. É o que teñen as penas de morte: a equivocación é irreversíbel e, neste caso, ademais, exemplar desa maneira vingativa propia de Franco.
Evidentemente, Franco carecía das virtudes da clemencia e a magnanimidade que, desde Roma, caracterizaban os emperadores pola graza de Deus. Pedíronlle clemencia ao papa, os líderes mundiais, a prensa internacional e milleiros de persoas na rúa, pero a dignidade de Baena só foi reparada no 2025, cando o Goberno declarou simbolicamente «ilexítimas e nulas» esas condenas. Porén o PP non acudiu ao acto organizado no Congreso alegando que eran terroristas e asumindo así a terminoloxía franquista (o FRAP disolveuse en 1978) e mais a tortura aos familiares dos fusilados.
Nunca entendín a teima do PP en non facer algo fácil: afastarse da querencia franquista de sectores seus, de seguro minoritarios. Se, como dixo Feijoo no 2022, son os «réditos de nuestros abuelos», por que aínda lles importan tanto? Para os familiares de Humberto Baena, o xesto é unha nova bala no corazón dun ser querido que morre de novo cada vez que alguén non condena os crimes da ditadura, especialmente se se trata de representantes políticos.