Si, pero non

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Eva Manez | REUTERS

06 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Creouse unha expectación estratosférica. Primeiro chegou un rumor en voz baixa, coa boca pequena, fiando a intriga: vai haber anuncio. Fíxoo con ese costume tan habitual nos últimos tempos de anunciar que se veñen cousas, pero en diminutivo, que soa máis moderno: veñen cousiñas...

Logo, nun domingo de recollemento, cando o país miraba de esguello as novas, acendéronse as luces de neon: mañá, comparecencia. Así foi. O luns, ás nove en punto, estaban coma cravos medios e espectadores, coas orellas abertas para non perder nin un detalle do que se ía escoitar.

Mais o que se escoitou foi case nada. O personaxe en cuestión non conxugou o verbo dimitir. Tampouco puxo nome á palabra dimisión. Nin unha mínima insinuación. Limitouse ai, pobriño, a dicir que non pode máis. Despois dun ano quentando o asento do máis alto cargo, apareceu para presentarse como vítima, para afirmar que está esgotado… Que si, pode que cometese algún erro —sen precisar cales, por suposto—, pero que non é mala persoa. Non coma outros. Eses outros aos que, faltaría máis, fai únicos culpables do desastre da súa comunidade.

Así que si… pero non. Dimite… pero queda.

Ten o rostro de formigón armado. Non hai outra explicación. Se tivese un mínimo de decencia caeríalle a cara de vergoña. Crear expectación para non pedir perdón con claridade nin baixar a cabeza é outra tortura máis para as familias das vítimas.

Ás veces, no poder, o «si» e o «non» confúndense tanto que acaban significando o mesmo: continuar coma se nada.