As fotos que non sorrín

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Alejandro Garcia | EFE

16 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai quen asegura que a maior parte dos divorcios veñen ao rematar o verán, coma se o sol levase consigo todo o amor. Debe ser o que está a pasar estes días, pois o papel couché non deixa de anunciar separacións.

Lamine Yamal xa non vai da man de Nicki Nicole. Orlando Bloom seica xa ten substituto no corazón de Katy Perry. E todo isto logo de que Sheila Casas abandonase ao galán Álvaro Muñoz-Escassi. Non serviron nin cancións, nin películas, nin illas paradisíacas. Claro que máis soado foi o divorcio entre Jennifer López e Ben Affleck, se ben a este xa se lle vía desgustado, ou polo menos con cara de poucos amigos e menos humor. Non podo evitar pensar nas fotos que amosaban nas redes sociais ata poucos días antes da ruptura: sorrisos amplos, mans unidas, corazóns e miradas que prometían eternidade. Todo tan brillante, tan filtrado, tan instantáneo... E, de súpeto, a nada. A felicidade como escaparate, o amor como contido dixital.

Así que eliminamos fotos, borramos historias, cambiamos o estado e xa está, non? Total, o anterior non ten peso, nin pouso, nin verdade.

Por iso adoro as fotos antigas, incluso esas nas que ninguén sorrí, pois nelas non había poses, só o instante. Neses momentos serios había máis realidade ca nunha morea de imaxes filtradas. Sen maquillaxes, sen ensaios, sen aros de luz. E sen nada diso, amosaban con fidelidade vida, traballo, cansazo e amor do de antes, do que quedaba por dentro. E queda!, xa que a memoria tampouco precisa de espectáculo.