Os trescentos mil millóns

Pedro Puy
Pedro Puy DEPUTADO DO CONGRESO POLO PP

OPINIÓN

Javier Lizón | EFE

16 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

«Estamos manejando dinero público y el dinero público no es de nadie». Carmen Calvo dixit, cando era ministra de Cultura con Zapatero. A súa lembrada cita, tratou de explicar despois, ía dirixida a salientar que, ao non pertencer a ninguén en concreto, o diñeiro público debe ser xestionado con rigor. Xa se sabe: a prensa publicou o que dixen e non o que quixen dicir. Un significativo lapsus, en todo caso mental. Porque, precisamente por ser públicos, os cartos que xestionan as administracións son de todos os cidadáns, que os financian pagando tributos. Nada menos que o 43 % de toda a riqueza xerada nun ano en España. E pode que Calvo non fose consciente de que os contribuíntes teñen moi claro de quen e para que son eses recursos. Na última enquisa do CIS sobre política fiscal, do último xullo, o 62 % dos españois din que reciben menos do que pagan en impostos, e un escaso 9 % máis do que contribúen. Que só a restante cuarta parte dos cidadáns perciban como equitativo o que pagan en relación ao que reciben é un dato preocupante, que ben explica a escasa conciencia fiscal patria.

O gasto público, que se incrementa noutros tres puntos e pico máis do PIB polo endebedamento que asumen a maiores as administracións, execútase no noso Estado descentralizado a través dos tres niveis territoriais con poder fiscal existentes: o central, o autonómico e o local. Dado que a maioría dos ingresos son recadados pola Axencia Estatal Tributaria, xurde outro problema que afecta ás percepcións dos contribuíntes, que non son plenamente conscientes de que Administración cobra os tributos que pagan. Este problema, o da «responsabilidade fiscal», non axuda ao proceso democrático, pois os votantes non perciben con claridade canto lle pagan a cada nivel e a cambio de que servizos públicos.

Na súa comparecencia no Congreso de esta semana, o presidente Sánchez, no canto de explicar a súa xestión, que era para o que comparecía, dedicouse a cuestionar a xestión do gasto autonómico. E deslizou dúas frases que merecen atención. A primeira é que o seu Goberno lle transferiu ás comunidades autónomas 300.000 millóns de euros máis que o anterior. A segunda é que, como non lle gusta como xestionan os gobernos populares eses recursos na maioría das autonomías, pretende analizar desde a Administración do Estado que é o que fan «cos cartos que lles enviamos». Dúas ideas perigosas. A primeira é que é o seu Goberno quen transfire os recursos, cando son basicamente o resultado de aboar ás comunidades os tributos que pagan os seus cidadáns a través da axencia estatal aplicando a lei orgánica de financiamento autonómico e as leis autonómicas, como as que regulan os tramos propios do IRPF. Non son, polo tanto, unha graciosa transferencia do Goberno central. A segunda é que non é a cidadanía de cada autonomía a que ten que decidir se o seu Goberno xestiona ben os recursos, senón o Executivo central.

En dúas frases, Sánchez cuestionou a capacidade fiscal das comunidades e a súa autonomía de gasto, obscurecendo aínda máis a responsabilidade fiscal e a transparencia do noso sistema e cuestionando a lexitimidade democrática dos parlamentos autonómicos para priorizar o gasto. A ministra Calvo pensaba que os cartos públicos non eran de ninguén. O presidente Sánchez pensa que son seus. E que cando os transfire ás comunidades autónomas estas teñen que empregalos como a el lle praza. Lapsus por lapsus, quedo co da señora Calvo.