A historia parece que non nos aprendeu nada con respecto aos fascismos. En España, cunha tradición de máis de corenta anos, deberiamos estar avisados porque cando espertemos talvez o dinosauro siga aí. É preciso chamarlles ás cousas polo seu propio nome porque, se non, remataremos por acubillar dentro ese monstro que nos devorará. A realidade é que os fascismos agroman por todas as partes coma cogomelos velenosos. Xa hai tempo que os episodios deixaron de ser illados e atoparon a complicidade nunha corrente global aumentada polas grandes tecnolóxicas. Levamos uns anos preguntándonos como é posible que a xente se atreva e non teña ningún atranco para atacar tantos dereitos fundamentais conquistados. E non hai tanto que, cando falabamos do avance do fascismo, se nos dicía que eramos uns esaxerados porque as institucións democráticas eran moi fortes. Hoxe todo aquilo comeza a resultar inxenuo porque agora o monstro xa non anda disfrazado. Velaí o propio Trump, que estes días alenta para Europa o exemplo de liderado do ultranacionalista Viktor Orbán. Nesa loucura obscena, mesmo lle dá prato na mesa a aluados que avogan por facer calar as mulleres, meter a todos os negros nos cárceres ou matar directamente a quen se poña por diante do seu camiño.
Temos que ser conscientes de que a democracia non se defende soa e precisa dun pensamento crítico, dunha cidadanía militante que use as ferramentas da educación e o humanismo para loitar por medios libres e políticas capaces de reducir a desigualdade, porque a miseria sempre alimenta eses fanatismos que nunca chegan de súpeto. Adoitan vir subidos, agora máis ca nunca, non en carros de combate, senón nas armas da influencia e a normalización nos medios. Queirámolo ou non, xa están infiltrados na conversa pública e política, e, por moito que nos pese, non queda outra que lle tirar a máscara ao monstro para que todo o que comeza sendo unha provocación non remate sendo unha política de Estado.