Ai, Kim… e choraches! Que duro rozar a vida real por un intre: a Kardashian non aprobou un exame para o que estudara catro meses.
Confesou que, nese tempo, só puido ser dúas cousas: nai e alumna. Descoñezo se renunciou ao equipo de dez mulleres que lle coidan os catro fillos. Se cadra quixo vivir o drama sen maquillaxe… pero dubido que sen maquilladora. Porén, coñezo decenas de opositoras que non levan catro meses, senón anos (ou seis, ou dez...) perseguindo unha oportunidade. Mulleres que estudan con bebés ao colo, con traballos a tempo parcial e carreiras diarias para chegar a todo. Mulleres que preparan temarios con cafés fríos, cadernos repartidos pola casa ou o coche e coa teimosía de quen sabe que o futuro non vén envolto en purpurina.
Non as grava ninguén mentres choran. Non teñen aro de luz, teñen lámpadas que pestanexan. Non teñen seguidores, teñen responsabilidades.
Non poden vivir no drama. Secan as bágoas, aproveitan ese anaco de silencio, abren o caderno e seguen. A vida real non fai concesións nin contratos de exclusividade.
Catro meses de capricho non poden compararse a anos de sacrificio. É outra escala, outra verdade. Non sei se Kim Kardashian reincidirá. Elas, as mulleres reais, seguro. No fondo, sinto tenrura desta historia, a da sorpresa de quen descobre, por un segundo, que estudar é duro, que suspender doe, que esforzarse non garante nada.
Ás opositoras reais ninguén lles fará un documental, pero meréceno. Mais esas opositoras reais ostentan o premio de saber que todo, absolutamente todo, o gañaron elas.