A memoria é liberdade

Pedro Blanco DELEGADO DO GOBERNO DE ESPAÑA EN GALICIA

OPINIÓN

EDUARDO PEREZ

23 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai uns días tiven a oportunidade de pasear polos xardíns do Pazo de Meirás. O silencio que se respiraba era atronador. Hai lugares que obrigan a deterse e pensar, e este é un deles. O que durante décadas foi símbolo de apropiación e da impunidade do franquismo é hoxe, tras un longo e difícil camiño, un espazo de vitoria colectiva e de afirmación democrática. Un lugar que xa non pertence ao medo, senón aos galegos e galegas. Un recordatorio vivo de todo o que avanzamos e do que estamos decididos a seguir defendendo.

 

Nesta semana na que conmemoramos 50 anos de liberdade, o Goberno de España reivindica a memoria democrática como unha auténtica política de Estado. Non é un exercicio de nostalxia nin un debate ancorado no pasado. A memoria democrática é, ante todo, un acto de xustiza. Implica visibilizar o que logramos neste medio século: o voto universal, a liberdade de expresión, a sanidade e a educación públicas, a igualdade entre homes e mulleres, o matrimonio igualitario… Conquistas que parecían imposibles e que hoxe forman parte da nosa vida. Dereitos nados do compromiso democrático de varias xeracións, de miles de galegos que creron na convivencia e protexeron a verdade que nos trouxo ata aquí, a un país avanzado, aberto e tolerante. Non son palabras, son realidades que gozamos cada día. Iso é o que reivindicamos. Iso é o que celebramos.

Celebrar estes avances tamén significa coidalos con responsabilidade. Entre todos. Porque nada do que hoxe damos por garantido estao para sempre. E sabémolo moi ben. Fronte a discursos negacionistas que relativizan a ditadura, distorsionan a evidencia histórica e que, por desgraza, empezan a calar entre parte da nosa mocidade, non podemos permanecer impasibles. Segundo o CIS, máis dun 20 % dos mozos considera positiva a ditadura franquista. Un sinal de alerta que como sociedade non podemos ignorar. Debemos actuar, educar, explicar e lembrar; e témolo que facer hoxe, mañá e sempre.

Porque, como afirma o presidente Pedro Sánchez, un país que coñece a súa historia é un país máis libre. E hoxe, nun contexto internacional marcado por involucións democráticas, España reafírmase na defensa da verdade, a memoria e a liberdade.

Emilia Pardo Bazán ensinounos que mirar cara atrás ten sentido cando nos impulsa cara adiante. Ese é o compromiso que asumimos. Fortalecer a democracia que nos une, o futuro que queremos para Galicia.