Castelao, Ramón Piñeiro e eu

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

Siro

06 dic 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Publiquei dous libros sobre a arte de Castelao e nos dous digo que foi un debuxante extraordinario e un humorista sublime, merecente de figurar na máis esixente antoloxía que se faga no mundo occidental. Pero digo tamén que Castelao non foi pintor, non sabía pintar, e a pouca pintura que fixo —a dos óleos de grande formato— nada ten coa pintura do seu tempo. Se eu fose contemporáneo de Castelao e el lese a miña crítica, poderíase revolver contra min nun escrito, pero a razón teríaa eu porque Castelao non foi pintor, non sabía pintar e os lenzos que pintou eran antigallas. Pasados cen anos, alguén que reparase nos meus libros e nos textos co cabreo de Castelao poderíame acusar de traizoar ao mestre, pero a razón seguiría téndoa eu porque Castelao non foi pintor, non sabía pintar e o conxunto da súa obra gañaría sen eses lenzos que están máis preto dos primitivos flamencos que das vangardas europeas. Pois co desencontro de Castelao cos galeguistas do interior pasou algo semellante: cando toda a oposición a Franco aceptou a monarquía como alternativa á ditadura, el rexeitouna e seguiu defendendo a república como única válida. Fíxoo por propia convicción ou por solidariedade con Giral, o seu xefe de Goberno, que se opoñía ás conversas do socialista Indalecio Prieto con José María Gil Robles, representante dos monárquicos.

Porén, a relación de Castelao con Piñeiro foi de amizade e afecto sempre. O mozo Piñeiro participara con el na campaña do Estatuto. En 1945 pasara a pé os Pireneos para facelo ministro do Goberno no exilio presidido por Giral, e conseguiuno malia ser Portela Valladares o preferido por todos. Á volta foi detido en Madrid co vasco Koldo Mitxelena e cos irmáns Saco, de Monforte, aos que a policía incautou abundante propaganda antifranquista. Como eles xa pasaran polo cárcere e Piñeiro non estaba fichado, dixo que era súa. Pregúntome cantos dos que viran e reviran palabras e feitos para descualificalo terían a súa coraxe, e respóndome con convicción absoluta: ningún. Case un mes pasou Piñeiro na Dirección Xeral de Seguridade, en Madrid, con interrogatorios diarios de varias horas, pero sen sufrir torturas porque Castelao recorrera a Aguirre, lendakari do Goberno Provisional Vasco exiliado nos EE.UU. e ben relacionado co Departamento de Estado, e houbo unha xestión diplomática a prol dos detidos. Tres anos pasou Piñeiro na cadea e, en 1947, en pleno desencontro do exilio e os galeguistas do interior, recibiu a visita de Rodolfo Prada, home de confianza de Castelao, que lle traía unha aperta súa e en clave moitas palabras de afecto.

Esta é a verdade que, como advertía Tagore, «non sempre está con quen máis berra».