Hai que desclasificar

Francisco Castro
Francisco Castro ESCRITOR E MÚSICO

OPINIÓN

Susana Vera | REUTERS

08 dic 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

En España, a día de hoxe, é imposible saber cantos documentos oficiais clasificados hai. E a escusa para que non poidamos acceder a determinadas informacións sempre é a da «seguridade nacional», como se saber de verdade que se falou entre algunhas persoas o 23-F ou quen formaba parte dos GAL, por poñer só uns exemplos doados de identificar por calquera, fose facer que España caese nas mans de Putin. Falemos claro: o pretexto da seguridade nacional para ter documentación secuestrada á cidadanía, como se todos fosemos menores de idade ou idiotas, está só inventado para que persoas con poder non poidan ser acusadas en vida de, probablemente, cousas máis que dubidosas. Se os actos que se consignan neses documentos clasificados fosen honorables e exemplares, saberiámolo. Como son vergonzantes ou, cando menos, dubidosos, mantéñense secuestrados o tempo suficiente como para que a posible persoa afectada espiche e non lle salpique un posible escándalo.

Agora que o emérito publicou as súas memorias, e agora que está tendo a campaña de publicidade máis brutal que levo visto nos meus moitos anos de dedicación ao mundo do libro, urxe desclasificar moitísimos documentos. Non é xusto, nin sequera é democrático, que a «verdadeira historia da Transición», por repetir as súas palabras nese cutre vídeo que lle fixo Froilán, nos cheguen só tamizadas pola opinión do emérito. Porque suponse que cando di as cousas que di, está contándonos «verdades». Así cando menos o vende el. Xa que logo, urxiría que esta sociedade madura, democrática, ilustrada, racional e moderna, puidese tamén contrastar as súas «verdades» coas verdades que se manteñen agochadas en milleiros de documentos que só se poderán ver dentro de moitísimos anos.

Podo entender que non anden por aí circulando, eu que sei, planos segredos das bases militares ou os planes gubernamentais de defensa. Do que falamos é doutra cousa. Do que falamos é de poder coñecer a verdade sobre o que nos pasa. E de que deixen de tomarnos por menores de idade como se non fósemos quen de aturar as sorpresas que nos poden deparar ler certas informacións.

O poder blíndase sempre para manter a aureola de limpeza e pulcritude que é imprescindible para que a xente se deixe gobernar. O que pasa é que os que exercen o poder moitas veces se moven fóra da ética, da moral e, por suposto, fóra da lei. E cando se documenta todo iso, é dicir, cando se ten un papeliño, unha gravación, o que sexa, que pode facer que a pátina de santidade poida caer, iso corre a clasificarse en ben da «seguridade nacional», que sempre é a seguridade para a impunidade de quen fixo moitas falcatruadas e non quere que as saibamos.

Agora que o emérito di que nos dá a versión verdadeira do que pasou, é tempo de desclasificar e contrastar. É o xusto.