A televisión pública xa non é o que era. Perdeu o seu poder masivo de influencia. Con todo, segue a inspirar loitas incendiarias e non deixa de ser un medio querido ou odiado pola xente da política. E é curiosa esa querenza por un medio que xa hai tempo desprazou o debate público ás redes sociais, onde o populismo atopa a súa razón de ser e o algoritmo premia a polarización. Non vexo moito a televisión e non teño unha opinión fundada dabondo para avaliar o grao de manipulación que poida haber nunha e noutra, pero adoito fiarme moito da intuición e dunha percepción desprexuizada, que non quere ser ideolóxica.
Nos últimos meses, asistimos a unha pelexa durísima polas audiencias onde a RTVE entrou a saco e, con certo éxito, provocando que os partidos da dereita dean lume cos dentes e xeren as maiores campañas de descrédito contra a televisión pública estatal, esquecendo a manipulación que eles mesmos exercen sobre as autonómicas que están baixo o seu poder. Pero o que realmente amola nesta altura son as audiencias e iso supón un poder estratéxico porque hai moita xente que non vive hiperconectada e ve na televisión un contexto e unha pluralidade que asusta a certa oposición. Porque, a diferenza do caos fragmentario de internet, a televisión é quen de saír do ruído dixital e representa algo institucional e unha continuidade democrática que, cunha programación ordenada e presenza territorial, pode lexitimar algúns discursos que non se poden controlar con tesoiras e mentiras elaboradas. Non sei se o futuro da televisión pública dependerá de motoserras, pero si me gustaría pensar que as políticas públicas nunca deberían estar condicionadas por memes (ou memos).