O home tranquilo

OPINIÓN

siro

Non falo do que interpretou John Wayne na espléndida película de John Ford, senón do home tranquilo que Fernando González Laxe foi durante anos na política galega e segue a selo hoxe como expresidente da Xunta de Galicia e catedrático emérito de Economía Aplicada na Universidade da Coruña. Un home tranquilo, de aceno amable, falar pausado e riso sempre a punto nos beizos. O pasado día 5 recibiu o Premio Fernández Latorre por ser un autor prolífico, con numerosas obras publicadas e incontábeis colaboracións en xornais galegos e de ámbito estatal sobre a realidade galega e a economía europea. Si, Fernando González Laxe escrebe moito e escrebe ben, moi ben; porén, a comezos dos anos 70, cando cheos de ilusións coincidimos no PSdeG, aborrecía escribir. Analizaba con rigor os temas ata telos claros, pero custáballe levalos ao papel. E aí interviña eu de amanuense. Como el vivía en A Coruña e eu en Ferrol, viámonos nunha cafetería de Pontedeume e explicábamos. Eu tomaba notas e despois redactábaos. Aquelo foi «o comezo dunha fermosa amizade» e tamén o comezo da miña admiración polo técnico e o político que había nel. E cando en 1987, con 35 anos, logo do voto de censura a Fernández Albor, presidiu a Xunta co Goberno tripartito, eu sabía que o faría moi ben. E fíxoo. Fixérono todos porque, en palabras súas, aquel Goberno no que nunca houbo o menor roce e el tivo a última palabra, funcionou como un big bang.

Importantísimo en González Laxe é o sentido do humor. Como nunca aprendeu a pronunciar o x, Manolo Rivas chamoulle Lakse e ninguén se divertiu tanto coma el coa enxeñosa ocorrencia. Era tan miudiño, aparentaba tan pouca cousa, que na visita ao rei representeino como un neno sentado nos xeonllos reais, e riu tamén. O humor intelixente, o humor ao xeito cervantino, permitiulle superar unha situación tan surrealista como a inimizade de Felipe González. A moción fixérase co visto bo de Alfonso Guerra nunha xuntanza na casa de Paco Vázquez en Gandarío, á que asistiran Guerra, Galeote, Paco Vázquez, Sánchez Presedo e Laxe, despois de ben comer, ben beber e ben rir. Pero Felipe González non a aceptou e ao presidente González Laxe nunca o recibiu. Tampouco apareceu por Galicia para apoiar o PSOE na campaña electoral das autonómicas de 1989, con Laxe de candidato á presidencia, que obtivo 28 deputados —seis máis que nas anteriores e o maior número ata hoxe—, nas que Fraga acadou a maioría absoluta por un deputado. Alfredo Conde participou co PSOE e no libro A conto de Fraga di que Txiqui Benegas, íntimo de Felipe González, lle aconsellara con palabras discretas, desas que ao bo entendedor lle abondan, «non ser inxenuo e non esforzarse moito porque a cousa estaba máis ou menos decidida».

 O tempo permite ver quen é quen na política. E as caricaturas tamén. Nas moitas que lle fixen, vese a boa xente, o bo economista, o bo político e o home tranquilo que Fernando González Laxe é.