Gobernar é coidar

Breogán Riobóo Lois LIÑA ABERTA

OPINIÓN

PEPA LOSADA

27 dic 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

En moitas ocasión falamos de sanidade pública a partir de estatísticas concretas referidas ó persoal facultativo, ás listas de agarda interminables, ós prazos para conseguir una cita médica en atención primaria ou respecto ó número de vacinas administradas, entre outros datos. Non obstante, existe un aspecto chave dos procesos de atención, rehabilitación e recuperación e que nunca se ten en conta: o acompañamento. Unha acción que sostén a diario o sistema cun valor económico e humano invisible. Este feito pon de manifesto algo elemental nas sociedades contemporáneas e intrínseco a todo estado de benestar que se presuma social, democrático e de dereito: non recoñecer que a saúde é un dereito fundamental e subxectivo que precisa de recursos públicos suficientes e dunha visión integral da prestación de coidados e apoios.

Existe un custo invisible que constantemente asume unha parte da sociedade: as mulleres das familias, nais, fillas, sobriñas; o voluntariado e, máis recentemente, outras mulleres, as que migran dende outros países abandonando ás súas propias familias na procura dun futuro mellor e que veñen substituír o tradicional rol de coidados das mulleres occidentais. É dicir, o sistema sanitario asume, de xeito tácito, que sempre haberá alguén ó outro lado que se encargue de prestar aquelas atencións ás que o propio sistema non chega —nin valora chegar—.

Se todo este traballo invisible emerxera e se remunerase como correspondería, falariamos de varias decenas de millóns de euros só en España. Esta inversión (para nada pode asimilarse a un gasto) non se contabiliza nos orzamentos da sanidade, mais si que teñen unha presenza importante en forma de estrés, ansiedade, redución de horas de traballo e dos niveis de saúde das persoas que acompañan e coidan. Hai estudos que indican que nun país como Suecia o custo da atención informal podería chegar ó 3 % do seu PIB...

Todo isto confronta cos grandes acordos internacionais e mesmo coa propia definición da Organización Mundial da Saúde. A saúde non é só a ausencia de enfermidade, senón que se trata de un proceso biopsicosocial no que existen determinantes familiares, comunitarios ou económicos que son tan importantes como a propia cirurxía ou tratamento que precise a persoa. É dicir, a saúde tamén é social. Nesa liña, en España o Consejo General del Trabajo Social reclama o recoñecemento formal do traballo social como una profesión esencial dentro do sistema sanitario, como un axente activo que aborda as desigualdades sociosanitarias arredor das persoas e que contribúe ás políticas públicas que garanten o acceso igualitario a servizos de calidade e a unha atención e acompañamento que dignifique a vida.

O acceso ó acompañamento e ós coidados non pode depender da renda familiar. A sanidade pública non só son hospitais que funcionen, senón un sistema que recoñeza e apoie os vínculos humanos e sociais que sosteñen a saúde das persoas. Negar os custos humanos e sociais do coidado informal e do acompañamento hospitalario é negar a realidade da cidadanía e perpetuar as desigualdades. Se a sanidade pública é un dereito, como recolle a Constitución, o acompañamento debe traducirse en políticas públicas que recoñezan, protexan e apoien a quen sostén a saúde na nosa sociedade; non de xeito voluntario, senón como unha responsabilidade colectiva dun estado de benestar que recoñeza que gobernar é coidar.