Xenocidio

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

HAITHAM IMAD | EFE

28 dic 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Efectivamente, o 2025 foi un ano de xenocidio, a xulgar pola elección do termo (un tanto macabra) como palabra do ano. 1915, 1945, 1994, 1995, 1996 tamén foron anos así, macabros, bárbaros, inhumanos. Vistos así escritos, nunha sucesión wikipédica, os anos de hai exactamente tres décadas foron especialmente xenocidas, tanto que hai toda unha xeración (a miña) afeita de máis aos xenocidios. Estamos habituadas a unha sucesión de imaxes probábeis só nos pesadelos e convertidas en reality por obra e graza da nosa amada televisión: os partidos de fútbol con cabezas de tutsis, as fosas comúns en Kosovo e Albania, os rapaces de Gaza guindando pedras a soldados israelís armados ata os dentes.

Efectivamente, estamos tan afeitos que xenocidio parece ser tan só unha simple palabra, etimoloxicamente interesante, por certo, coma cantareira (palabra do ano 2024), cibercarracho (no 2023), comadre (2022), Tanxugueiras (2021), nós (2020)... A xulgar polo histórico do Portal das Palabras, no 2025 acabóusenos o bo rollo.

Debemos de caer da burra —non hai animal máis entrañabelmente natalicio— de que, por moito que a disfracemos cos decotips horteras e psicotips cuquis que nos asolagan en decembro, a realidade é tan teimuda coma xenocida. Porque o certo é que o xenocidio en Gaza estaba aí cando criamos vivir nun mundo de cantareiras e comadres onde o peor que nos podía pasar era quedar sen o ordenador por mor dun cibercarracho. E aí seguirá no 2026, no 2027, no 2028, ata que o exterminio, a Solución Final do século XXI, se cumpra. Entón este xenocidio será substituído por outro e nós, entrementres, manteremos a ollada fixa no dicionario. A non ser que o pobo exterminado sexa o noso e pasemos a preguntarnos que fai o mundo falando de palabras, palabras, palabras..., en lugar de evitar que nos aniquilen.