Na nosa casa non hai unanimidade polo gusto da pirotecnia. Para min, que son un dos seus detractores, o concepto de arte xa me parece un termo demasiado elevado, e máis agora en que os efectos están en parte dirixidos por un ordenador. Este ano o asunto xurdiu porque Tom, o xenro holandés, falounos da importancia dos fogos de artificio no seu país, e máis no derradeiro día de cada ano, cando moitos veciños dan en estoupar toda unha morea de produtos pirotécnicos aos que, ata o de agora, tiñan acceso e que, a partir do vindeiro ano, xa non terán. Esta futura prohibición fixo que todo o mundo tirase de arsenal e houbese algún morto e varios incendios na despedida de ano e dunha tradición, se cadra, demasiado permisiva. Sempre teñen que ser as desgrazas as que ratifiquen as leis. Tom recoñece que, xa de neno, andaba a estoupar petardos e algún que outro foguete coma un divertimento aceptado pola sociedade, mesmo con algún accidente e susto importantes, non só para el. Eu tamén estoupei algún que outro petardo para lle dar un susto á xente desprevida. Xa daquela entendía os foguetes coma unha expresión de alegría colectiva. O que non sabía era que tiñan orixe medieval e se vinculaba á pólvora e á guerra. O certo é que o libre acceso a estes artefactos explosivos pode causar, como se acaba de ver no aninovo dos Países Baixos, mortos e danos irreversibles a quen os manipula e a curiosos que se achegan a observar, mesmo menores de idade. Por riba, os estoupidos moven as paredes e xeran un impacto en persoas vulnerables, na fauna silvestre ou nas mascotas, que sofren un estrés agudo. E se non abondase, aquí temos un motivo maior como pode ser o risco de incendios. Na casa hai quen di que son un esaxerado por gabar a nova restrición neerlandesa, pero a pólvora é unha arma que non pode estar en mans de calquera, e menos nuns días en que o alcol se alía co demo. Prefiro o control asisado e profesional dun bo fogueteiro.