Unamuno no 2026

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

Siro

03 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

O 31 de Nadal de 1936 morreu don Miguel de Unamuno na súa casa de Salamanca, mentres conversaba co falanxista Bartolomé Aragón. No 2026 cumpriranse noventa anos, número redondo, e falaremos moito da súa obra, da súa vida e da súa morte. Sobre todo da súa morte, que a propaganda republicana presentara como un asasinato no intre de coñecerse, sen ningunha proba. A versión oficial deuna a Falanxe de Salamanca: Unamuno recibira a Bartolomé Aragón, con quen conversou na mesa camilla sobre a Guerra Civil, e clamou: «¡Dios no puede volverle la espalda a España! ¡España se salvará porque tiene que salvarse!». Logo baixou a cabeza e Aragón decatouse de que morrera ao notar o cheiro das zapatillas que se queimaban no braseiro. Abraiado, berrou: «¡Yo no lo maté! ¡Yo no lo maté!». Despois viría o secuestro do cadáver pola Falanxe e o cumprimento da consigna de Giménez Caballero, ideólogo do nacionalcatolicismo, para presentalo ao mundo como intelectual falanxista: «Las máquinas de escribir tienen que disparar toda la noche como ametralladoras». Dispararon, e a mañá seguinte catro camisas azuis portaron o cadaleito sen ter en conta a familia para nada.

No 2021, o cineasta Manuel Menchón e o escritor Luis García Jambrina presentaron o documental Palabras para un fin del mundo e o libro La doble muerte de Unamuno, dous contrarrelatos que desmontan a versión do falanxismo con información nova e valiosa; pero non dan a verdadeira e non sinalan a Aragón como autor do crime. Iso fixérono columnistas con ordenadores como ametralladoras. Porén, despois do enfrontamento con Millán-Astray na universidade, o 12 de outubro, Unamuno cría que sería asasinado. Díxollo nunha carta ao director do Abc de Sevilla: «Me retienen en rehén no sé de qué ni para qué. Pero si me han de asesinar, como a otros, será aquí en mi casa». Non era un medo infundado. O día 13, o xefe provincial de Falanxe escribiu nun telegrama ao fillo de Unamuno: «Me he enterado de un grave incidente con ocasión del acto del Paraninfo. Tu padre dijo unas cosas que suscitaron protestas crudas y violentas de los asistentes, con Millán-Astray a la cabeza. Sería doloroso que a tu padre pudiera sucederle algún incidente desagradable». Millán-Astray seguía cos discursos ameazantes: «¡Ay de aquellos intelectuales que marchen por las sendas tenebrosas! Y los que empleen los caminos sutiles, los disfraces, los juegos de palabras desde los que se lanzan flechas ponzoñosas y se esconde el pecho. ¡Esos serán fulminados!». E Unamuno seguía facendo declaracións temerarias á prensa estranxeira: «Solo queda el terror, un terror que es cien veces peor que el que nos dicen que existe entre los rojos». «Esta gente va contra la inteligencia. Fusilan a los intelectuales. Si triunfan, España, este país enfermo, se va a convertir en un país de imbéciles».

Vingáronse del de todos os xeitos posíbeis. O máis ruín, dar o seu nome ao campo de concentración Miguel de Unamuno, preto de Atocha, que funcionou de 1939 a 1942.