Un tren volve conxelar o tempo
OPINIÓN
O accidente ferroviario deste domingo espertou lembranzas e sensacións pasadas. Para quen traballamos nas emerxencias resulta imposible non recoñecernos ao pé dun tren cargado de dor e de desconcerto. Volve a conciencia abrupta de que a vida pode quebrar en segundos.
Nas traxedias, a mirada diríxese con frecuencia cara aos psicólogos de emerxencias: que facemos, como intervimos, como se acompaña nunha fatalidade tan brutal. Detrás desa resposta hai profesionais que se forman de maneira continua e que se preparan para estar dispoñibles cando a emerxencia o require. Equipos que existen grazas a convenios entre os colexios oficiais de psicoloxía autonómicos e a Administración pública, e que constitúen un recurso esencial para a atención integral nas catástrofes.
O noso labor non se limita aos grandes sucesos que abren telexornais. Intervimos tamén nas emerxencias cotiás, que arrasan a vida dos seus protagonistas, como un accidente de tráfico ou unha morte por suicidio. Situacións nas que o mundo rompe para alguén.
Ás veces, parece que a sociedade deposita na psicoloxía de emerxencias unha expectativa case máxica: a de neutralizar a dor. Pero non é posible. Do mesmo xeito que tras unha cirurxía pasamos por un postoperatorio, rehabilitación que deixa cicatrices, a intervención psicolóxica non fai desaparecer o sufrimento. O que si fai é acompañar, soster e axudar a que a persoa recupere, pouco a pouco, as súas propias capacidades para afrontar o ocorrido e comezar a transitar o camiño da súa vida a partir dese momento.
Ante traxedias así, moitas persoas dinse: «Oxalá puidese facer algo». Neses momentos, é fundamental que a empatía guíe a nosa acción, para axudar e non engadir máis dano. Acompañar e soster non é doado. Non se trata de facer, senón de estar: estar dispoñibles, atender o que a persoa poida necesitar, escoitar se quere falar, respectar se non quere facelo, coidar aspectos básicos como a hidratación ou a alimentación. E, nas grandes catástrofes, aínda que non coñezamos ás persoas afectadas, tamén podemos e debemos coidar da saúde psicolóxica da comunidade. Revisemos os nosos comportamentos colectivos. Evitar compartir fotos ou vídeos nos que se expoñan persoas feridas ou falecidas, que multiplican a dor das vítimas e dos seus achegados, alimentando, ademais, unha curiosidade morbosa que deshumaniza.
Tampouco debemos xulgar os testemuños de quen está en shock, nin converter as súas palabras en obxecto de debate nas redes sociais. Esa conversa dixital pode resultar profundamente ferinte para quen atravesa unha das situacións máis difíciles da súa vida, e para outras persoas que se ven reflectidas nese sufrimento.
Cada persoa reacciona de forma distinta. Por iso, máis alá dos dispositivos profesionais —imprescindibles—, é necesario que, como sociedade, asumamos un papel como axentes de coidado mutuo. Coidar como falamos, que compartimos, como acompañamos.