O venres ía no autobús para facer unhas compras e non puiden evitar decatarme da conversación que mantiñan dous pasaxeiros sobre os accidentes de Adamuz e de Gelida. Falaban entre si e con outro interlocutor polo teléfono. Ningún era un sobrevivente da traxedia nin tiña familiares ou amigos afectados, pero estaban interesadísimos e discutían sobre as informacións que cada un conseguira reunir e que eran discrepantes: que fora un fallo humano, que non, que o provocara un guindastre que caera sobre a vía, que non, que se debía ao mal mantemento das vías, que non, que eran as rodas dun dos trens... Tiven unha clara sensación de deja vu. Tras Adamuz, varias persoas foron entrevistadas para contar a súa experiencia: había sobreviventes, bombeiros e persoas que foron axudar as vítimas. Un dos entrevistados foi un experto en accidentes de tren que expuxo cunha linguaxe profesional as distintas causas que o provocaron ou contribuíron a provocalo. Estivo perfecto e tivo o seu cuarto de hora de fama. Os demais enredáronse en multitude de discusións. Unha moza buscaba o seu can e algúns dicían que tiña unha irmá ingresada grave e que en lugar de acompañala buscaba o can; outros dicían que a irmá xa estaba atendida e que o can era un máis da familia...
É moita a xente que goza vendo ou falando de feitos tráxicos. Quizá no fondo subxace a satisfacción de terse librado, de que non fomos nós as vítimas e puidemos evitar, polo menos esta vez, a gadaña da Morte. Quizá é iso. Quizá...