Este mes de xaneiro, coma case todos os anos, veñen algunhas subas nas pensións, nos soldos, nas achegas ás comunidades autónomas ou no salario mínimo interprofesional. Neste último caso, o Goberno anunciou a súa intención de o subir en 2026 nun 3,1 %, ata chegar aos 1.221 euros brutos, algo menos que na anterior actualización do pasado ano. Veremos se a promesa remata en acordo e despois en feito, porque a alegría das subas, que non chega a todo o mundo e, polo tanto, non é unha emoción colectiva, máis dunha vez entra polo peto antes de chegar ao espírito. E esta é a outra lotería, coma a da saúde para quen ten traballo e non lle toca o gordo no Nadal. Neste mes, antes de que chegue a nómina ou a paga, quen máis e quen menos procura adiviñar os euros engadidos que vai cobrar e tira de calculadora para ver se as contas do ano poden ou non saír furadas. É lóxico. Todo o mundo aspira a máis, por moi pequena que sexa a súa actualización. A min non me saen moitos euros, pero hai a quen si, porque sabe moi ben o que valen as cousas. Falo dun home da miña vila que, dende hai moitos anos, pide cartos aos coñecidos, alguén que convertín en personaxe secundario dunha das miñas novelas e ao que lle levo dando dende hai moito tempo, mesmo cando os aguinaldos aínda ían nesas pesetas que el soubo converter a euros. Hai un par de anos, cando se atopaba comigo, pedíame un euro. O ano pasado actualizou o euro nunha sorte de eufemismo, coa petición de lle dar algo para un café, porque sabía que significaba máis. O outro día, co ano xa encetado, eu estaba a tomar algo coa familia nunha cafetería da miña vila de nacenza e vino vir pola rúa e agachei a cabeza para evitar que me vise. Pero non valeu de nada, porque entrou no local todo efusivo e mesmo me deu unha aperta mentres me explicaba que alguén lle dixera que eu falaba del nun libro. E foi aí cando me espetou que agora xa non era un euro, senón cinco, o que lle tiña que dar.