A arquitectura da intelixencia artificial (IA) actual foi deseñada baixo un paradigma da eficiencia absoluta: estar sempre, responder sempre, ser infinita. Pero o que comercialmente se celebra como «dispoñibilidade 24/7», desde unha óptica ética e estratéxica, revélase como unha ameaza latente para a autonomía humana. Como quen herda o oficio de xastre, sabemos que unha peza sen costuras non é a mellor construída; a perfección técnica require, necesariamente, de límites. Ao introducir o algoritmo no consello de administración ou nunha reunión dunha comunidade pasamos da «adicción» á «obxectividade». Nestes espazos, a IA funciona como un espello frío que devolve a verdade entre o ruído dos egos humanos.
Onde o factor humano fraquea polo sesgo, a emoción ou o interese persoal, a IA achega unha claridade cirúrxica. Nun consello, o algoritmo non vota por afinidade nin por medo; vota por evidencia. É o gardián dos datos, capaz de sinalar a inconsistencia nun plan de negocio ou o risco oculto nun investimento que o optimismo humano prefire ignorar. Do mesmo xeito, nunha reunión de comunidade, a IA actúa como o escribán perfecto, dotando á vontade veciñal dunha base técnica incontestable. Aquí, a súa frialdade non é un defecto, senón o seu maior activo. Porén, é precisamente esa «perfección» a que se volve perigosa no plano individual. A diferenza do ser humano, a IA non ten fatiga. Esta falta de límites crea unha asimetría perversa. Mentres que unha conversa humana ten «puntadas» (silencios, cansazo, despedidas), a IA ofrece unha charla continua. Para o usuario vulnerable, esta dispoñibilidade absoluta non é unha ferramenta de xestión, é un anestésico que pode xerar unha dependencia emocional devastadora.
É imperativo que os deseñadores e usuarios non caian no erro de confundir esta tecnoloxía cunha ferramenta psicolóxica de consulta ou terapia individual. A IA pode procesar linguaxe, pero non ten psique; pode ofrecer datos, pero non consolo real. Pretender que un algoritmo sexa o bálsamo para unha ferida emocional é un erro de categoría maiúscula. A cura require da presenza do outro, de alguén que, ao igual que o paciente, coñece a finitude e a dor. Unha IA é un mapa, pero nunca poderá ser o territorio do afecto, polo menos de momento.
Toca unha mensaxe aos consellos de administración. Como responsables do futuro desta tecnoloxía, deben entender que o éxito non pode medirse en «minutos de uso». Necesitamos unha arquitectura da finitude. A verdadeira intelixencia debe incluír a capacidade de retirarse para protexer a integridade do individuo.
A IA será o espello que nos axude a decidir mellor no colectivo, pero nunca o muro que nos ille da realidade no individual. É hora de que as máquinas aprendan a lección máis humana de todas: o valor dunha despedida a tempo.