Aínda que levamos tempo sen ver o sol, o noso astro rei acabará reaparecendo e será protagonista a medida que nos acheguemos ao verán, por mor da eclipse total de sol do 12 de agosto. De feito, na recente edición de Fitur (a meirande concentración mundial do sector turístico) foi o principal reclamo das comunidades autónomas do norte (a franxa na que será visible).
Ademais de salientar que se trata dunha experiencia única na vida (xunto coa eclipse total de 2027, visible no extremo sur de España, serán as únicas do século XXI en territorio europeo), soaron con forza outras dúas mensaxes: a necesidade de organización para evitar colapsos, nun país que é o segundo máis visitado do mundo (máxime en agosto) e o enorme risco que pode supoñer para a saúde ocular da poboación.
Cómpre repetilo cantas veces faga falta: nunca se pode mirar ao sol directamente sen protección homologada, polo risco de danos irreversibles na retina e levar á cegueira. Polo tanto, as mensaxes que animen a observar o sol ese día deben ir acompañadas desta grave advertencia. Na eclipse de 2024 nos Estados Unidos rexistráronse miles de queimaduras de retina.
Só se poderá mirar directamente sen protección durante a ocultación total. O sol ilumina a superficie terrestre 400.000 veces máis que unha lúa chea; polo tanto, aínda que o sol estea tapado nun 99 %, o 1 % restante iluminará como 4.000 lúas cheas, e ademais concentrado nun punto moi pequeno do ceo, como un alfinete luminoso que nos ferirá se non protexemos os ollos. A eclipse durará minuto e pico; conservar a vista, toda unha vida.