Supoñamos

Francisco Castro
Francisco Castro ESCRITOR E MÚSICO

OPINIÓN

Oversight Dems | EFE

Supoñamos que Pedro Sánchez tivese, antes de dedicarse ao mundo da política, máis de 4.000 denuncias pola súa actividade empresarial, moitas delas con condena firme por toda clase de vulneracións da lei. Supoñamos, ademais, que un micrófono oculto o cachara falando con amiguetes sobre toda a clase de barbaridades que se lle poden facer as mulleres se tes cartos. E postos a supoñer, supoñamos que Sánchez comezase, semanas antes das eleccións, a dicir que se perdía era porque se fixera trampa e, cando tal derrota electoral se confirmase, organizase un golpe de Estado para que os seus seguidores tomaran pola forza o Congreso dos Deputados, onde habería mortos. E xa que estamos botando a imaxinación a pacer, imaxinemos que Sánchez, que nuns anos despois gaña as eleccións, o primeiro que fai é indultar a aqueles golpistas que lle prenderon lume ao Congreso e onde morreu un policía. Mentres, imaxinemos que se publican unha serie de fotos dun gran pederasta de festa con menores e que nesas fotos está o noso presidente…

A suposta corrupción de Sánchez, se é que algún día iso chega a algo, non é nada comparado co historial que acabamos de referir, que non é froito da perversa imaxinación deste articulista, senón real e ten que ver con Donald Trump. Que o actual presidente dos Estados Unidos sexa unha persoa reivindicada por parte da nosa clase política, a quen se lle dá as grazas pola entrada en Venezuela e secuestro de persoas (morreron unha manchea de xente na operación, non o esquezamos), é algo que, cando menos, habería que revisar.

Como digo, Trump, no ano 2024 foi condenado en firme polo estado de Nova York por 34 casos. Non por un nin dous, por 34 delitos graves de falsificación de documentos comerciais. Por aquí anda o xuíz Peinado lendo entre as liñas dos correos electrónicos a ver se pode trincar algo a alguén, pero o xefe do mundo, ese que di que non ten por que respectar o dereito internacional, está condenado en firme: tivo que pagar, ollo coa cifra, 88 millóns de dólares a Jean Corral por abusar sexualmente dela nun probador. Ese mesmo ano, outra condena millonaria por fraude financeira continuada. Ano 2024, a piques de recuperar a presidencia.

Ese señor é, para parte da nosa clase política, un exemplo, o libertador, o garante da democracia, a nova luz que merece o Premio Nobel da Paz.

Comparado con el, as cousiñas que manexan por aquí algúns xuíces desexosos de intervir na política vía aquí vale todo, é unha mingurriada.

Se Trump é o espello onde nos debemos mirar, temos que, precisamente, facérnolo mirar.