Florencio López Fernández, o cego da Fontaneira, naceu nunha aldea da Fonsagrada en 1904. Cego de nacemento, non lle quedou máis remedio para gañar o seu sustento ca aprender a tocar o violín e andar polas romaxes e feiras cantando romances que el mesmo escribía. Fíxoo ata o seu pasamento, acaecido en 1986. En abril do 2023 puxémoslle unha lápida en galego para homenaxear o derradeiro fistor de tal tradición musical. Tamén no cemiterio de Soutelo de Montes procedemos á substitución da lápida de Avelino Cachafeiro, o gaiteiro de Soutelo, como era popularmente coñecido no seu tempo, por levar un repertorio da nosa música tradicional aos galegos de alén mar no que se incluía a célebre Muiñeira de Chantada, composición da súa autoría. Ningún dos dous ten aínda na súa lápida un código QR con datos biográficos e unha gravación musical dos seus repertorios. Todo chegará.
Son moitas as persoas que deixaron en vida a súa pegada na comunidade parroquial e mesmo pola súa transcendencia extramuros dela. A mellor maneira de perpetuarmos a súa memoria é escribir un epitafio na súa lápida en galego, idioma no que falaron e desenvolveron a súa vida.
Esta iniciativa galeguizadora promovida pola Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia vénse realizando desde hai vinte e cinco anos con algúns centos de actos de restauración da memoria lingüística. O máis recente foi o pasado mes de novembro coa galeguización do panteón familiar de Miguel Santalices, presidente do Parlamento de Galicia, coa participación do presidente da Deputación, alcaldes e alcaldesas que asumiron o compromiso de celebraren en cadanseu concello actos de restauración da memoria lingüística.
Sendo os cemiterios espazos de memoria colectiva das comunidades parroquiais nas que o idioma galego foi a lingua usual das persoas que alí xacen, os epitafios deberían estar en galego por un elemental criterio de coherencia. De igual xeito, nas lápidas poderían referirse as biografías das persoas que en vida foron parte activa da identidade cultural e que fixeron posible a subsistencia do noso patrimonio transmitíndollelo aos seus herdeiros. Con esa finalidade, a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia, dentro da campaña «En galego, agora e sempre», propón unha acción complementaria: colocar un código QR que lles permita aos que visitan os cemiterios satisfacer a inmediatez da curiosidade por coñecer a vida e obra dos que alí dormen o sono eterno. Neste intento de consolidar esta iniciativa proporémoslles ás empresas funerarias que oferten este novo servizo de interese cultural. Recoñecer os valementos dos nosos devanceiros acrecentará a cohesión social e a autoestima pola lingua coa que nos sentimos identificados.
Xa son moitos os que recibiron con agrado esta iniciativa e están dispostos a secundala. Hai uns días procedemos a colocar un código QR coa biografía de Luís Soutullo Iglesias, o gaiteiro de Lira, escrita por Xerardo F. Santomé, compoñente do grupo de música tradicional galega, Xistra de Coruxo na súa lápida, sendo esta a primeira experiencia en Galicia en personalizar coa biografía do falecido un cemiterio.
Oxalá sirva o exemplo e os camposantos se convertan en libros abertos das comunidades parroquiais para coñecemento desas biografías que, aínda sendo anónimas, son moi relevantes e interesantes.