Adeus, comarcas?

Eduardo Maragoto EXPRESIDENTE DA AGAL (ASSOCIAÇOM GALEGA DA LÍNGUA)

OPINIÓN

Entrada a la parroquia de Piñeira por el barrio de O Bosque
Entrada a la parroquia de Piñeira por el barrio de O Bosque ROI FERNANDEZ

Despois de case trinta anos, todo indica que a Xunta pretende pórlles o punto final ás comarcas coa nova Lei de Administración Local. Probabelmente, isto non vai implicar o fin definitivo das propostas de comarcalización, que seguramente volverán aparecer de vez en cando, aínda que con poucas posibilidades de frutificar. Non en van, á hora da verdade, ningún partido parecía levalas demasiado en serio. Tampouco eu, debo recoñecer. Parecíanme mistificadoras do pasado e inxustas co presente. Explícome:

As comarcas nunca formaron parte da nosa tradición institucional. Se chegasen a avanzar, trataríase de divisións administrativas creadas desde cero, cuxos límites apenas se podían intuír nos vellos partidos xudiciais. E estes eran tan propios do liberalismo do século XIX coma as provincias e os concellos que, paradoxalmente, a comarcalización pretendía superar. Como moito, poderíaselles invocar un antecedente eclesiástico: os arciprestados, que si teñen raíces profundas na nosa Idade Media. Porén, nas propostas de comarcalización que coñezo, as comarcas ficaban tan deformadas con respecto a ese precedente institucional que, para alguén galeguista e apegado ás tradicións —como é o meu caso—, a súa defensa perdía todo o sentido.

A inxustiza da comarcalización viña dada por outro motivo. Mentres non se contemplase a supresión paralela dos concellos, a creación dun novo nivel administrativo acabaría por debilitar a nosa división territorial máis antiga e arraigada: as parroquias. Estas, das que infelizmente nada se di na nova lei, constitúen o primeiro espazo de identificación e socialización no mundo rural galego-portugués. A multiplicación de entidades locais só contribuiría á súa marxinación.

Ao meu ver, no ámbito da organización do territorio continúa a faltarnos o faro portugués. Alí, por debaixo da República, existen os concelhos e as freguesias —equivalentes civís das nosas parroquias—, gobernados por câmaras municipais e juntas de freguesia elixidas democraticamente. Se realmente queremos unha Administración máis propia, non sería mellor inspirarnos no modelo veciño en vez de importar esquemas tan afastados? Un sistema con parroquias reforzadas e concellos cada vez máis amplos, que nalgúns casos poderían mesmo chegar a coincidir cos vellos arciprestados, paréceme unha opción máis coherente coa nosa historia e coa nosa realidade social. Isto non significa que as chamadas comarcas non poidan ser valorizadas no noso imaxinario colectivo como o que sempre foron: espazos xeográficos de unidade natural e socioeconómica moi desigual.