O veo integral

Laureano Araujo DOUTOR EN CIENCIA POLÍTICA

OPINIÓN

MABEL R. G.

18 feb 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

O 11 de novembro de 2025, o grupo parlamentario do partido extremista de dereitas Vox presentou no Congreso dos Deputados unha proposición de Lei orgánica para a protección da dignidade das mulleres e a seguridade cidadá no espazo público, nome aséptico tras o cal se agacha a pretensión de criminalizar a «utilización no espazo público, ou en lugares privados con proxección a un espazo ou uso público, dos veos denominados nicab e burca». O 17 de febreiro de 2026, o PP apoiou a toma en consideración desta iniciativa. Nada importa que o problema, en realidade, apenas exista entre nós. O caso é volver utilizar o corpo da muller como campo de batalla. Máxime cando nin as organizacións feministas se poñen de acordo neste asunto tan espiñento.

Certamente, os veos integrais constitúen un atentado contra os dereitos humanos, alén de causaren inseguridade na cidadanía e un obvio problema de identificación. O burca oculta o corpo completamente e o nicab só deixa libres os ollos. En cambio, o xador e o hijab deixan á vista a cara da muller e son compatíbeis cos valores democráticos, co dereito das musulmás á súa integridade moral e coa seguridade de todos. Son moitas as musulmás devotas que non poñen en perigo a seguridade vestindo estas roupas, conque limitarmos o seu uso sería unha decisión política moi delicada. A nosa crecente diversidade relixiosa podería levarnos a invocar a loita contra o autoritarismo para impormos restricións estigmatizantes e inxustas que dificultarían a inclusión.

A prohibición indiscriminada do veo islámico, que Vox non suxire, podería ter unha motivación paternalista, porque partiría da premisa de que todas as mulleres que o visten son unhas vítimas pasivas, como se non houbese entre nós moitas musulmás que teiman en levar posto un veo como símbolo cultural, relixioso e político. Ademais, esta ilegalización xenérica podería ter dúas consecuencias indesexábeis: por unha banda, marcaría e illaría nas súas casas unhas mulleres que non constitúen unha ameaza e, por outra, alimentaría as obsesións identitarias dos populismos de dereitas.

Para orientarmos rigorosa e pragmaticamente as nosas políticas públicas nesta materia cómpre pois termos claro que o que queremos é garantirmos os dereitos das musulmás e á vez protexermos a laicidade, os demais valores democráticos e mais a seguridade de todos. É isto o que procura Vox coas súas medidas de represión? Ou non estará buscando máis ben unha reacción por parte dos segmentos sociais afectados e, a maiores, un moi conveniente incremento do populismo islamofóbico, incluída a islamofobia de xénero?

Moitos de nós non podemos deixar de ver o veo islámico, integral ou non, como unha especie de sudario pensado polo patriarcado máis brutal para sublimar a desigualdade; para, en nome dunha tradición de recente invención, deshumanizar, cousificar, invisibilizar e dominar as mulleres. Aínda así, debemos preguntarnos se as abordaxes propostas pola extrema dereita —especialista, como sabemos, en idear solucións doadas para problemas complexos— son, no noso contexto, razoábeis ou, pola contra, mal intencionadas.