«Necesitamos saber que lle pasa: tal vez teña depresión, ou trastorno bipolar, ou autismo...». Tal vez isto, a angustiosa busca dunha etiqueta que explique por qué doe vivir, encapsule a crise moderna da saúde mental. O sufrimento, a dor, forman parte da condición humana, non se poden erradicar, pero semella que na actualidade o que antes se consideraba a angustia propia de crecer (a inseguridade, o medo a non encaixar, cuestionamentos varios, malestares da vida cotiá, etcétera) agora interprétanse baixo unha lente clínica.
Sami Timimi, psiquiatra británico, refire que o diagnóstico psiquiátrico moderno funciona como un ben de consumo máis, satisfacendo ao principio, pero como calquera produto de consumo rápido a satisfacción é efémera e ao cabo dun tempo os problemas regresan, como nunha cinta transportadora de etiquetas. Ese ciclo de insatisfacción e reetiquetado, esa busca do diagnóstico perfecto, para Timimi converteuse nunha carreira sen meta, onde a normalidade sempre está un paso máis alá. Os diagnósticos, que antes eran etiquetas médicas incluso estigmatizantes, convertéronse en insignias de identidade, especialmente entre a xuventude e nas redes sociais («son TDAH», «son neurodiverxente»). Ter un diagnóstico xa non é ter unha enfermidade, é contar cunha explicación, cunha comunidade, cun relato, cun estatus. Para Timimi, en vez de cuestionarnos por qué a nosa sociedade xera tanto malestar, conformámonos con etiquetar o malestar e convertelo na nosa carta de presentación.
A idea de que haxa unha solución fixa a nivel individual para cada experiencia de angustia pode resultar atractiva, pero non deixa de ser iso, unha idea, que promove tamén que teñamos a unha poboación adolescente altamente suxestionable que busca respostas, non sempre saudables, non sempre adaptativas, á súa incomodidade vital.
Comparto bastante esta narrativa, abordada por Timimi no seu libro Que es ser normal. Xérame máis dúbidas, porén, o seu discurso relativo ao papel da medicación, pois avoga non pola abolición total dos fármacos, pero si por un cambio drástico no seu estatus, deixando de velos como a corrección dun fallo biolóxico para entendelos como simples ferramentas temporais. E xérame dúbidas porque a saúde mental, ao meu ver, non é unha dicotomía biolóxico versus social, senón unha realidade complexa, estratificada, onde os niveis explicativos, como sinala o tamén psiquiatra Guillermo Lahera, non se exclúen senón que se superpoñen. Para Lahera, se ben é certo que a neurodiversidade foi emancipadora, ao reducir estigmas, o enfoque de Timimi conleva o risco de desatender a realidade clínica de trastornos mentais graves que ven a diario nas consultas e nos hospitais, onde a intervención clínica, médica, farmacolóxica, amosa unha utilidade consistente. O diagnóstico debe ser un instrumento flexible para comprender o funcionamento dunha persoa, pero cando pasa a constituír o núcleo da identidade desa persoa vólvese problemático. Prescindir da parte médica pode levar a unha romantización do padecemento ou á culpabilización dos pacientes por non ser quen de resignificar o seu contexto social.
Nesa liña, Xandre García Caballero resalta sempre que se moito do sufrimento é social, as respostas non poden seguir sendo individuais, reatribuindo a orixe do malestar ao individuo; puntualizando que por suposto está a enfermidade, que require respostas asistenciais, pero a «normalidade suposta saúde» tamén require espazos colectivos de reflexión nos que mover os marcos, atrevermos a pensar e a cuestionarnos, en grupo, entre todos, cousas como que é ser normal.