O cantar que cantamos

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

Imagen de dos aviones de EE.UU, que participan en la guerra de Irán abasteciéndose de combustible
Imagen de dos aviones de EE.UU, que participan en la guerra de Irán abasteciéndose de combustible US Central Command | EFE

15 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

O atentado contra as torres xemelgas en Nova York, o 11 de setembro do 2001, coa morte de case 3.000 persoas, 25.000 feridos e as súas graves consecuencias económicas, políticas e sociais, abriu un novo tempo, case poderiamos dicir unha nova era, que marcou e segue a marcar o século. Daquela púxose de actualidade o libro de Samuel Huntington Choque de civilizacións (1996), no que o profesor da universidade de Harvard falaba dunha posible reconfiguración da orde mundial: a crise do modelo de estado-nación enfrontado a unha realidade nova que superaba a local e que el definía coma un conflito de civilizacións.

 O islam, segundo a idea de Huntington, é a grande potencia supranacional que ameaza a supremacía de Occidente, e os movementos migratorios, un factor de desestabilización que cómpre corrixir ou, polo menos, regular.

O libro deu pé a moitos debates, con posicións encontradas. No fondo latexa a idea da crise periódica dos imperios. Dende unha perspectiva conservadora, que o autor xa defendía cando era asesor do presidente Johnson e xustificaba os bombardeos en Vietnam, a estratexia consiste en neutralizar o máis posible, mesmo utilizando a forza das armas, as iniciativas do inimigo.

Só dende a forza que garanta a superioridade podemos pensar na continuidade do sistema, que en realidade é a súa supervivencia.

Para o autor e os seus seguidores, os atentados do 11S e outras accións cualificadas dende o imperio como terroristas son manifestacións dun conflito que atinxe dimensións mundiais. O que está sucedendo en Oriente Medio é un capítulo máis desa historia, agravada coa complexidade da cuestión xudea.

Despois da Segunda Guerra Mundial ensaiouse outra fórmula: a posibilidade dunha orde internacional que neutralizase ou, cando menos, aliviase as tensións entre os estados, mesmo entre os imperios posibles: Estados Unidos de América, Unión Soviética (agora Rusia), a China emerxente... Para iso nacía a Organización das Nacións Unidas (ONU) que, coas súas contradicións e as súas limitacións, exercía a arbitraxe nos conflitos.

Este modelo está en crise. Unha profunda crise que neste momento non somos capaces de superar. As grandes potencias alteraron o seu difícil equilibrio impoñendo as súas razóns particulares, que son as razóns da forza.

As declaracións da presidenta da Unión Europea (UE), Ursula von der Leyen, que logo tivo que corrixir (ou matizar), son a expresión da impotencia do discurso de Occidente, os principios da Carta de Dereitos Humanos, os valores das sociedades democráticas.

Cara a onde imos? Xa hai quen formula outro modelo de hostilidades: o mercado contra Deus; o modelo capitalista, fundamentado nos intereses do negocio e o lucro económico, contra as teocracias: a guerra santa, que en Occidente parecía superada, non sen ríos de sangue ao longo de varios séculos.

«Triste é o cantar que cantamos», dicía Rosalía de Castro. Deberiamos pensar que pode haber outro mellor e loitar por el.