Di o Xan que temos que facer algo de exercicio. Que xa imos chegando a unha idade na que coidarse non é só comer equilibrado e descansar ben, senón que tamén require moverse máis do que nos movemos agora. E eu respondo que camiñar unha hora ao día debería contar como exercicio, aínda que o meu camiñar non sexa especialmente rápido, pois calquera flor ou insecto, calquera escena cotiá fai que me tome unha pausa no camiño para pasmar, aínda que sexa por un segundo. Non somos vellos (eu teño corenta e cinco, e el cincuenta e seis) pero o ritmo de vida das nosas profesións fai que esteamos traballando sentados boa parte dos nosos días.
Supoño que polo meu xeito de estar no mundo a meirande parte dos meus amigos son maiores ca min. Algúns deles andan polos oitenta anos, e entre as cousas que teñen en común están que fan algún tipo de exercicio (ioga, bicicleta) e que teñen unha vida social activa que inclúe xente máis nova ca eles. E é aí onde o Xan e mais eu vemos o problema que temos diante, pois é difícil adoptar unha rutina nova cando estás cómodo coa que tes (esas horiñas libres prefiro pasalas lendo ou camiñando que facendo ximnasia), mais tamén é difícil facer novos amigos, ou facer amigos máis novos...
Hai moitos estudios sobre o impacto positivo do exercicio e da vida social na vellez e na felicidade, pero a realidade é que nos tempos que corren, nos que estamos más illados ca nunca no noso universo particular, é cada vez máis complicado moverse, ou facer amigos reais. Mais como di o Xan, se o mundo non se acaba antes, ou nos esforzamos agora ou non chegamos a vellos, ao que eu lle respondo, se chegamos que sexa xuntos e algo acompañados.