Xa está aberto o prazo para solicitar praza de cara ao próximo curso escolar nos centros sostidos con fondos públicos, tanto para alumnos de novo ingreso coma para os que queren cambiar de centro. Conseguir o colexio desexado vai depender de ter irmáns nel, da proximidade do domicilio ou do lugar de traballo, da renda familiar ou doutras variables, que teñen diferentes puntuacións. As razóns dos pais para elixir centro son varias, pero hai dúas primordiais: fama do colexio ou da institución e oferta de servizos e de actividades extraescolares. O descenso de matrícula favorece a competencia, e, polo tanto, a maior parte dos colexios fan xornadas de portas abertas para darlles a coñecer ás familias a súa oferta.
Coa fin de compatibilizar vida laboral e familiar, os proxenitores demandan alimentación, transporte e atención aos alumnos fóra dos horarios escolares ordinarios. A maioría dos centros, tanto concertados coma públicos, prestan hoxe estes servizos, o que facilita unha competencia entre eles cada vez máis centrada noutros aspectos esenciais da actividade escolar, que figuran no proxecto educativo ou carácter propio do colexio, e que teñen que estar á disposición de toda a comunidade educativa, e lles permiten ás familias valorar a coincidencia en aspectos moi importantes na educación dos fillos.
Cuestións a ter en conta son a organización da convivencia, a participación dos pais no centro, o plan de titoría, a oferta educativa (idiomas, deportes, actividades complementarias...), a atención á diversidade e aos problemas de aprendizaxe, a orientación educativa e profesional ou, incluso, a concepción pedagóxica ou estilo docente. Aínda que a normativa tende a unificar as características dos centros, os proxectos educativos poden ter notables diferenzas e, se se levan á práctica, como é preceptivo, dan lugar a distintos resultados académicos e de calidade educativa en xeral.
Galicia ten a maior equidade educativa de España, e mesmo está por riba de países modélicos, como Finlandia e Noruega. Un 85 % do alumnado desfavorecido socioeconomicamente comparte aula co das outras clases, o que dá lugar a unha grande igualdade de oportunidades, da que temos que sentirnos moi orgullosos. E non só como igualdade de acceso, senón tamén como ecuanimidade no tratamento, cun ensino de calidade, como reflicten diversas avaliacións externas. Xa que logo, os pais acertan coa elección de centro público, pois este conta, en xeral, con boas instalacións e cos profesionais e apoios necesarios para o adecuado progreso académico do alumno, que, ademais, vai ter na aula unha vivencia próxima á realidade social, moi positiva para a súa normal maduración e futura integración profesional.
Non obstante, o éxito educativo dos fillos vai depender máis da familia ca do tipo de centro elixido, pois este ten como principal responsabilidade instruír os alumnos, e, para contribuír, ademais, á formación da súa personalidade, educando en sentimentos, actitudes ou valores, precisa da coordinación cos pais. Unha das grandes contradicións actuais é que moitos proxenitores critican e mesmo menosprezan os profesores, mentres que, pola contra, delegan no centro docente a educación dos fillos, incluso deixándoos nel moito tempo fóra da xornada escolar ordinaria.