Afixémonos a depender do GPS para andar pola vida: os seus satélites ollan para nós desde 22.000 quilómetros de altura e falan cos nosos teléfonos celulares. Mais tamén o fan cos drons de guerra. Quen teme que estes o ataquen usa emisores de sinais de radio que afogan os sinais emitidos polos satélites cos que se guían os drons. O obxectivo desa técnica é desorientalos para evitar que dean no albo. O resultado, desde a Ucraína ata golfo Pérsico, vén sendo satisfactorio. O dano colateral é a perda de servizo dos dispositivos móbiles, non só para a voz senón para os datos que nos permiten navegar por unha pantalla.
A enorme diferenza entre as guerras pretéritas e as actuais está nos avances da electrónica e a informática. A fabricación masiva de circuítos microeléctronicos e os avances da programación para eles abarataron os dispositivos de radio definida por software, facéndoos accesibles a exércitos e milicias. Con eles pódense chegar a crear burbullas de interferencia capaces de afectar mesmo avións comerciais, ante o que se propoñen alternativas: satélites de órbita baixa, con sinais máis potentes, ou sistemas coma o Galileo, con verificación criptográfica deles. A cuestión é se a enxeñaría será quen de reaccionar a tempo ante este novo caos tecnolóxico nacido das guerras.