Penso que a Trump non lle fixo graza que Susan Sarandon louvase a Pedro Sánchez. El, presidencial, non dixo ren; pero, veña...: non cren vostedes que esa noite, na soidade do seu baño, co cepillo de dentes e a pasta branqueadora aínda na boca, Pedro lle diría ao seu reflexo no espello: «Mólolle a Susan Sarandon! Si!». Para min que, nese intre, compensáronlle todas as coitas: a pandemia, o volcán, Begoña, o tren, Ábalos, os Orzamentos. Como te entendemos, Pedro.
Sarandon sabía que nun curral non hai sitio para máis de un galo. Feijoo non tiña opcións. Unha deusa marxista nunca atendería a este home de dereitas que sabe pouco inglés. Eu vexo fixándose en Alberto a unha musa do Partido Republicano, Sydney Sweeney. Pero a esta aínda lle falta para que lle dean un Goya, e quizais a diferenza de idade, entre outras cousas, sería un inconveniente para ela. Supoño que esa mesma noite, ollando no espello, Alberto pensaría no inxusto que é que, malia todo, as deusas de esquerda tamén figuren nos seus soños. Pola contra, Trump debeu de romper o espello co puño: como se atreve Sarandon a facerlle a el —a el!— esa cousa de deusa de fixarse en quen non debe?
Eu vin unha vez a Susan Sarandon, cando traballaba para o seu teatro de Nova York. Aínda que a lembro en bata de boatiné, os meus colegas insisten en que ía en vaqueiros e xersei negros. «Hai que traer máis café dese», díxolle a un empregado, referíndose a unha marca que se vendía no ambigú coa que se financiaba entón a loita zapatista. Dedicounos a todos un sorriso pícaro e desapareceu, coma Hera ao pasar por Troia.