A relación entre unha cápsula espacial e a Terra baséase en sistemas complexos de radiocomunicación, emisores e receptores. A cápsula leva equipos para voz, vídeo, datos técnicos e ordes, con antenas lineais e parabólicas pequenas (na orde de dous metros). Desde a Terra, os correspondentes sinais radioeléctricos son tratados en estacións con antenas parabólicas enormes (de ata 70 metros de diámetro). Esta diferenza de tamaño non corresponde á pequenez do vehículo fronte aos edificios na Terra: débese á dispoñibilidade de enerxía eléctrica para alimentar os transmisores, e á capacidade das grandes antenas para concentrar a enerxía radioeléctrica. Esta prodúcese a partir da eléctrica e os dispositivos das cápsulas emiten, como moito, decenas de vatios de radio. Pola contra, os centros de control terrestres emiten quilovatios.
Nas misións lunares úsanse microondas para transportar información. As microondas permiten transferir millóns de bits por segundo (e mesmo televisión analóxica), mais co inconveniente de facéreno só cando hai visión directa entre vehículo e Terra. Para facer efectivo o sistema necesítanse antenas moi directivas, receptores moi sensibles e sinais codificados. A codificación permite reconstruílos nos puntos de recepción logo dunha travesía inmensa.
Esa inmensidade fai que ao destino chegue só unha fracción ínfima da potencia emitida: dez milésimas dunha billonésima de billonésima (se a cápsula emitise 10 vatios, sen axuda das antenas chegaría á Terra unha potencia da orde dos zeptovatios, magnitude inimaxinablemente pequena). E nada dá chegado se a Lúa se interpón entre a cápsula e as antenas terrestres de seguimento.
Na misión Artemis II, en paralelo coa telecomunicación por microondas, usouse a óptica: emisores de láser e telescopios receptores con superficies reflictantes elásticas (a elasticidade permite superar as distorsións producidas nos feixes de luz ao longo do seu traxecto). Con esta solución tecnolóxica lógrase transmitir bits cunha velocidade 5.000 veces superior á do sistema do Apolo. Pero tampouco a luz atravesa a Lúa.
Sexan cales foren as ondas portadoras da información —microondas ou luz—, para evitar os 40 minutos de desconexión da cápsula ao contornar a Lúa serían necesarios satélites repetidores lunares que sempre teñan á vista, simultaneamente, a cápsula e a Terra. E colocaranse: as telecomunicacións espaciais han seguir avante polo empeño prosaico de colonizar o satélite que tanta poesía inspirou cando era inatinxible.